Expertos médicos salientan que a balneoterapia contribúe a mellorar a condición física dos deportistas de alta intensidade

Aseguran que as terapias con augas mineromedicinais favorecen o seu estado físico e emocional, tanto nas pretemporadas como despois dun adestramento ou dunha competición

Santiago de Compostela-Ourense, 5 de setembro de 2022 (Vía Láctea Comunicación).- No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, o balneario ourensán de Laias (Cenlle), acolle esta fin de semana unhas xornadas centradas no “Enfoque integral do deportista de alta intensidade nun balneario”. Un grupo de futuros médicos, que se están a formar na cura termal, coñecerán as aplicacións das terapias con augas mineromedicinais para tratar aos deportistas.

A coordinadora desta xornada é a doutora Dolores Fernández Marcos. É médico especialista en hidroloxía médica e directora médico de Caldaria, que aglutina os balnearios ourensáns de Arnoia, Laias e Lobios. Salienta que “a balneoterapia combinada coa fisioterapia contribúe ao mantemento físico dos deportistas. Axúdaos tanto á súa posta a punto física durante as pretemporadas como a recuperar o seu ton muscular e a baixar as contracturas despois dun adestramento ou dunha competición”.

Segundo os expertos, a contribución da balneoterapia ao mantemento da saúde do deportista céntrase en catro aspectos: a recuperación, a adaptación funcional, o tratamento da dor e a adaptación psicosocial. Así, axuda á recuperación de lesións derivadas dos micro traumatismos, inflamacións e tensións que se producen nas cadeas músculo-tendinosas específicas para conseguir potencia e rapidez. Ademais, un dos obxectivos fundamentais das temporadas de concentración é aumentar o rendemento sen prexudicar a saúde, de xeito que os tratamentos termais facilitan a adaptación músculo-esquelética. Tamén reducen a dor derivada da sobrecarga muscular, do desequilibrio electrolítico e da maior intensidade e frecuencia do traballo, situacións que se orixinan durante os adestramentos. Así mesmo, a balneoterapia facilita a adaptación psicosocial nos períodos longos de concentración.

“As augas mineromedicinais teñen unhas propiedades físicas e químicas que axudan nestes tratamentos de mantemento ou de recuperación física de persoas sas con este perfil, é dicir, con moi boas condicións físicas pero sometidas a duras sesións de adestramento” -destaca a doutora-. Explica que os tratamentos son personalizados. “Despois de pasar una consulta individualizada, o médico do balneario valora os tratamentos ou técnicas de mantemento ou de recuperación máis axeitadas en cada caso e en cada momento”.

Médicos e fisioterapeutas formarán aos futuros facultativos

As xornadas comezan o venres ás 16:30 horas cunha sesión teórica centrada na valoración médica dos deportistas de alta intensidade, impartida polo fisioterapeuta do balneario de Laias, Kamil Brezenzski. De seguido, os asistentes terán a oportunidade de realizar prácticas nas instalacións do centro.

O sábado os futuros médicos coñecerán as aportacións da balneoterapia ao deporte de alta intensidade da man da doutora Fernández Marcos, que explicará ademais cales son as condicións fisiolóxicas adecuadas do deportista para evitar lesións. Rematarán a mañá cunha sesión práctica nas piscinas do balneario. Coñecerán as diferentes técnicas balneoterapéuticas que se poden aplicar tanto en preadestramentos como en postadestramentos, así como a importancia do adestramento aeróbico nas piscinas termais para mellorar posibles doenzas musculares e articulares.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , , , ,