Piscina termal

Expertos en hidroloxía médica destacan que a psoríase e a dermatite atópica melloran tras un mes de tratamento con peloides termais, desaparecendo máis do 80% das lesións da pel

Os futuros facultativos galegos coñecerán os beneficios terapéuticos destes fangos para abordar doenzas dermatolóxicas.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2024 (Vía Láctea Comunicación).- No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, o balneario de Compostela, situado na localidade coruñesa de Brión, acolle esta fin de semana -8 e 9 de marzo- unhas xornadas centradas nos beneficios da balneoterapia para tratar doenzas respiratorias e dermatolóxicas, así como a depresión. Un grupo de futuros médicos da Universidade de Santiago, que se están a formar na cura termal, coñecerán os seus efectos terapéuticos para abordar este tipo de enfermidades.

En relación ás patoloxías respiratorias, os responsables médicos do balneario salientan que “as augas mineromedicinais contribúen a diminuír a inflamacións das mucosas, eliminan a mucosidade e aumentan a capacidade pulmonar; polo que resultan de interese para tratar a farinxite, larinxite, sinusite e as afonías, entre outras doenzas do aparato respiratorio como a EPOC ou a asma”. Así, en función da vía que se quere tratar, fanse inhalacións, fisioterapia na auga ou mesmo pódense aplicar parafangos.

Para abordar as doenzas dermatolóxicas, no balneario de Compostela empregan peloides termais, que resultan de mesturar a parte activa da auga mineromedicinal con arxila. Esta técnica aplícase en particular para abordar a psoríase e tamén a dermatite atópica seborreica, procesos nos que a pel se amosa inflamada e reactiva. Os médicos do balneario aseguran que se logran resultados moi satisfactorios xa no primeiro mes de tratamento. “Desaparece o prurito, as lesións van mellorando e aparece a pel sa na maior parte do corpo, desaparecen máis do 80% das lesións” -resaltan-. Segundo estes profesionais, para conseguir resultados efectivos a longo prazo precísanse de dous ou tres ciclos de 21 días -coincidindo co recambio celular da pel- a días alternos e cunha semana de descanso.

A aplicación de calor mellora o sono e o estado dos pacientes con depresión

O balneario de Compostela realizou un estudo piloto sobre os efectos terapéuticos das augas termais na depresión, en colaboración coa facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago e os centros de saúde de Brión e Bertamiráns, cunha selección de pacientes que teñen en común que padecen depresión moderada ou severa e non toman medicación. Os médicos do balneario explican que o tratamento consiste na colocación dun sensor que mide a temperatura corporal dos pacientes ao longo do día. “Métense en bañeiras a 40 ºC durante vinte minutos e logo nunha sala mantense a temperatura cunha manta térmica durante outros vinte minutos. Mídeselles a temperatura durante todo o proceso e obtéñense uns parámetros. Os resultados indícannos que o tratamento mellora coa aplicación de calor, en particular o sono e a sensación anímica” -afirman-.

Os expertos sinalan que nos pacientes con depresión detéctase unha alteración na súa temperatura corporal. Cando se someten a unha temperatura da auga a 40 °C, o organismo libera unha substancia que fai que a temperatura corporal diminúa, cos consecuentes efectos positivos para estes doentes.

Os futuros médicos realizarán prácticas no balneario con peloides, parafangos, envolturas e presoterapia

As xornadas comezan o venres ás 16:00 horas cun percorrido pola historia do balneario e das súas augas, da man da doutora Olalla Janeiro. De seguido, os futuros facultativos realizarán unha visita ás instalacións do centro. Logo terán unha nova charla sobre o tratamento terapéutico respiratorio, concluíndo con prácticas termais no balneario.

O sábado coñecerán cales son as principais innovacións no sector termal, en particular no
referente ao uso de peloides. Terán a oportunidade de recibir diversos tratamentos en
seco como peloides, parafangos, envolturas e presoterapia. De seguido, achegaranse aos
principais efectos terapéuticos das augas mineromedicinais na depresión. A xornada
concluirá cunha sesión práctica no balneario.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , , , , , ,