O sector valora sacar adiante proxectos por importe de máis de 12 millóns de euros en Galicia
Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2023 (Vía Láctea Comunicación).- A Asociación de Balnearios de Galicia vén de celebrar a súa Asemblea Xeral no balneario de Compostela (Brión). No transcurso da xuntanza os balnearios manifestaron “a importancia da nova convocatoria do Programa `Benestar en Balnearios 2023´ da Xunta de Galicia para a o sector galego, tanto para as empresas como para o conxunto das comarcas nas que se atopan”.
Así, tralo éxito da anterior convocatoria, a Xunta de Galicia duplicou o número de prazas para estadías en establecementos da comunidade no marco deste programa, que se elevan a un total de 1.246. Agárdase que participen uns 15 establecementos das catro provincias galegas.
Esta iniciativa, destinada a favorecer un envellecemento activo e saudable, diríxese a persoas maiores de 60 anos. Ademais de desfrutar dun tempo de lecer en compañía e de beneficiarse de tratamentos termais, os participantes teñen seguimentos médicos e unha ampla oferta de actividades de animación sociocultural durante a súa estadía no balneario. O programa desenvolverase no último trimestre deste ano. As estadías serán de dez días e nove noites con aloxamento, manutención en réxime de pensión completa e os tratamentos termais.
“Nesta volta, grazas a esa duplicidade de prazas, serán máis as persoas que poidan beneficiarse destes tratamentos, habida conta do importante número de solicitudes que van en aumento cada ano e da satisfacción dos termalistas tras o seu paso polos balnearios galegos” -salienta a presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia e directora de Termas de Cuntis, María Soledad Espiño-.
Proxectos para o mantemento e mellora das instalacións termais
Durante a Asemblea presentouse un informe sectorial en base ao cal se poderían levar a cabo proxectos para o mantemento e mellora das instalacións termais galegas por valor de máis de 12 millóns de euros. Nesta liña, a Asociación de Balnearios de Galicia amósase “esperanzada” en que estes proxectos se poidan desenvolver co apoio da Xunta de Galicia e de fondos europeos. Trátase de proxectos de creación e mellora de instalacións tanto a nivel tecnolóxico como arquitectónico e técnico.
A Asociación está integrada por 17 balnearios das catro provincias
A Asociación de Balnearios de Galicia naceu no ano 1985 co obxecto de representar e promocionar o sector termal galego. Na actualidade está integrada por un total de 17 balnearios. Na provincia da Coruña atópanse o de Carballo e o de Compostela (Brión). En Lugo, o Iberik Augas Santas (Pantón) e Lugo-Termas Romanas. Na de Ourense están os de Arnoia Caldaria, Laias Caldaria (Cenlle), Lobios Caldaria, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño). E en Pontevedra sitúanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Eurostars Isla de La Toja, Eurostars Gran Hotel La Toja e o balneario de Mondariz.