
Tipos de augas
Ofrece augas sulfurado-sódicas, bicarbonatadas e hipertermais. Emanan a unha temperatura de 43,8 °C.
Indicacións terapéuticas
- Afeccións reumatolóxicas: crónicas, dexenerativas (artrose), crónicas inflamatorias (artrite), non articulares (ciática, lumbalxia, ombreiro doloroso)…
- Afeccións respiratorias: farinxite, rinite, sinusite, larinxite, bronquite, asma…
- Afeccións dermatolóxicas: psoríase, dermatite...
- Estrés, estados de esgotamento físico…
Programas
- chorros a presión
- baños
- baños de burbullas
- duchas circulares
- maniluvios e pediluvios
- piscina termal
- fangos
- pulverizacións
- duchas nasais e inhalacións
- auga en bebida
- masaxe manual
- ximnasio
- circuíto lúdico con sauna húmida, sauna seca, jacuzzi e sillóns termais
Servizos Hoteleiros
O hotel dispón de 64 habitacións, 62 dobres con baño completo. Todos os dormitorios están dotados con fío musical, televisión e calefacción. Ademais, ten dous comedores, cafetería, salón social, dúas salas de estar e ascensor adaptado para discapacitados. Posúe unha capela e ofrece un amplo aparcamento. E todo en plena natureza: 5.000 m2 de xardíns e 2 quilómetros de paseo fluvial na beira do río Miño.
Historia
O balneario de Lugo é o único de Galicia que conserva vestixios das antigas termas públicas romanas, declaradas Monumento Histórico Artístico Nacional. Un edificio de estilo lucense do século XIX, totalmente reformado, cun claustro central de galerías con cristaleiras, alberga a maioría das habitacións do hotel e o chamado balneario terapéutico. Nun anexo, outro edificio levantado en 2001 suma unha vintena de habitacións, xunto co moderno balneario lúdico, orientado a tratamentos de relax e beleza.
O Contorno
A cidade de Lugo, que ten máis de dous mil anos de historia, caracterízase pola confluencia do urbano e o paisaxístico. Está situada na ribeira do río Miño, en plena Reserva da Biosfera “Terras do Miño”. Localizada nun punto neurálxico da xeografía galega, dende aquí pódense visitar lugares tan dispares e paradisíacos como a Ribeira Sacra, a Mariña lucense, as serras dos Ancares e O Courel, o Cebreiro…
O corazón de Lugo, a antiga Lucus Augusti, está rodeado pola súa espectacular Muralla Romana (s. III), declarada Patrimonio da Humanidade. Esta fortificación de máis de dous quilómetros é a única no mundo de orixe romana que se conserva íntegra, e ademais pode percorrerse completa polo seu adarve. Tras pasear pola Muralla, o visitante pode acceder pola Porta de Santiago á catedral románica, dedicada a Santa María baixo a advocación da Virxe dos Ollos Grandes. A catedral de Lugo posúe o privilexio papal de exposición permanente do Santísimo Sacramento. Prazas, rúas e edificios do centro histórico cativarán a turistas e viaxeiros, ademais da hospitalidade dos seus veciños.
Cando os romanos chegaron ás terras do Miño sentíronse atraídos polas propiedades curativas da fonte de auga quente que brotaba na beira esquerda do río. A cidade contou dende a súa fundación cun complexo termal de carácter medicinal que se estableceu sobre o manancial natural. Os restos que hoxe podemos admirar constitúen un dos poucos conxuntos termais romanos que se conservan en España, datan do século I a.C., están situados no propio balneario e foron declarados Ben de Interese Cultural en 1931.
Lugo conta cun contorno natural privilexiado, ideal para a práctica de sendeirismo e ciclismo. Ofrece 24 km de sendas sinalizadas pola ribeira do Miño. Estas rutas percorren lugares cun alto valor natural, histórico e cultural.
Outra das rutas posibles pola cidade é a das tapas e petiscos. Son habituais as racións de luras na súa tinta, champiñóns con allo, lacón asado, orella de porco, polbo… No seu Mercado de Abastos pódense adquirir diversidade de produtos propios da gastronomía lucense.
O San Froilán, que se celebra entre o 4 e o 12 de outubro, está declarado Festa de Interese Turístico Nacional. Son unhas celebracións moi populares, onde se combina tradición e modernidade. Na actualidade destacan pola gastronomía de feira, e toda Galicia se achega a Lugo por estas datas para degustar o famoso polbo á feira que se prepara nas casetas.
Información
Tipo de aloxamento:
Hotel balneario ***
Número de Rexistro Sanitario:
C-27-000137
Temporada de apertura:
De marzo a decembro (aproximadamente)
Enderezo:
Camiño do balneario, s/n.
27004 Lugo
Tel: 982 221 228
Fax: 982 221 659
Correo-e: balneario@balneariodelugo.com