Tipos de augas
Ofrece augas clorurado-sódicas, sulfídrico-azoadas e radiactivas, a unha temperatura de 47 °C, 50 °C e 56 °C en surxencia.
Indicacións terapéuticas
- terapias do aparato respiratorio
- reumatismos e traumatoloxía
- doenzas da pel
- úlceras varicosas
- terapias pediátricas
Programas
- inhalacións
- aerosois
- duchas nasais
- chorro
- baño de burbullas
- hidromasaxe
- ducha filiforme
- pediluvios
- masaxes
- fisioterapia
- electroterapia
Servizos hoteleiros
O hotel dispón de 27 habitacións dobres, todas elas con teléfono e televisión. Ademais ofrece:
- wifi en planta baixa e exteriores
- ascensor
- calefacción central
- sala de televisión
- sala de reunións
- bar-cafetería
- xardín-terraza
- aparcamento
- servizo médico e masaxe terapéutica
Poden realizarse un gran número de actividades complementarias de lecer e deporte como excursións, pesca, ximnasio, tenis e animación infantil.
Historia
No século XVII xa se fai referencia ás augas termais de Tui na Historia Universal das Augas Minerais de España, declarándose de utilidade pública en 1869. Case vinte anos despois, Antonio Oliver Rubio decide explotar o recurso e construír as instalacións balnearias xunto cun hotel. Na actualidade, o conxunto componse de dúas edificacións en pedra: unha acolle o centro termal e a outra o novo hotel. Ademais, unha pequena casa de cantería sobre un dos mananciais serve para realizar as inhalacións.
O Contorno
A localidade pontevedresa de Caldelas pertence ao concello de Tui, marcado pola presenza do río Miño, pola súas paisaxes de viñedos e por ser fronteira con Portugal. Ademais, o territorio representa unha etapa clave para os peregrinos que percorren o Camiño Portugués cara a Compostela.
Tui ofrece ao visitante un magnífico conxunto histórico, que preside a Catedral de Santa María, do século XII. Conserva a apariencia de fortaleza, con torres ameadas, camiños de paso e pasadizos.
O Monte Aloia, o primeiro Parque Natural de Galicia, comprende unha extensión de 746 hectáreas. Posúe un recinto amurallado da época galaico-romana e unha pequena ermida dedicada a San Xián. Destaca a Casa Forestal, de curioso deseño e na actualidade Centro de Interpretación da Natureza.
O río Miño reúne unhas condicións excelentes para a práctica de deportes acuáticos. A mellor época para a navegación é o verán e o outono.
O concello pertence á comarca do Baixo Miño, que conta cun amplo patrimonio histórico. Destaca o castro de Santa Tegra, na Guarda, o máis emblemático dos castros galegos, declarado Monumento Histórico-Artístico Nacional. O monte onde se sitúa, Santa Tegra, constitúe un espazo xeográfico de excepcional beleza.
A ponte internacional sobre o río Miño une a Tui coa localidade portuguesa de Valença. Os mércores hai feira tradicional na cidade lusa, que ofrece ademais ao visitante máis dun centenar de tendas dentro da súa fortaleza medieval.
A comarca caracterízase tamén pola súa oferta gastronómica, en particular os mariscos e peixes da Guarda ou as angulas e lampreas do Miño, acompañados dun viño albariño da Denominación de Orixe «Rías Baixas». En repostería pódense degustar o «peixiños de améndoa» que elaboran as monxas clarisas de Tui, así como o roscón de xema da Guarda.
Información
Tipo de aloxamento:
Hotel balneario **
Número de Rexistro Sanitario:
C-36-000298
Temporada de apertura:
Desde a última semana de febreiro ata a primeira quincena de decembro
Enderezo:
Rúa Baños, s/n.
36721 Caldelas de Tui, Tui (Pontevedra)
Tel: 986 629 005
Fax: 986 629 049
Correo-e: info@balneariodecaldelas.com