A Asociación de Balnearios de Galicia anuncia que se vai reactivar o programa “Benestar en balnearios” da Consellería de Política Social, tras dous anos de interrupción, dirixido a maiores de 60 anos e a pensionistas maiores de 55

Están a traballar ademais en novos programas para que usuarios de todas as idades coñezan as vantaxes do termalismo para a saúde

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2022 (Vía Láctea Comunicación).- A Asociación de Balnearios de Galicia vén de celebrar a súa 37ª Asemblea Xeral na Cidade da Cultura. No transcurso da mesma fíxose balance do 2021, un escenario de crise para o sector, moi afectado pola situación xerada pola pandemia da Covid-19. Salientouse a importancia que para o sostemento das empresas tivo o programa “Verán e Outono Termal”, desenvolto no segundo semestre do pasado ano, que permitiu achegar novamente termalistas aos balnearios, repercutindo tamén de xeito moi positivo nas localidades onde se atopan os establecementos termais, sobre as que exercen unha importante función como dinamizadores socio-económicos.

Durante a xuntanza presentáronse os datos de “Verán e Outono Termal”, unha iniciativa na que participaron 12 balnearios e da que se beneficiaron un total de 1.425 persoas, das que o 63% foron mulleres e o 37% homes. “Valoramos especialmente o apoio da Axencia de Turismo de Galicia para a posta en marcha deste programa, nun ano moi difícil. Así mesmo, cómpre salientar que o 81,5% dos usuarios do programa foron galegos, o que demostra a recuperación da confianza do público e o interese crecente por ir aos balnearios da nosa comunidade” -indica a presidenta da Asociación, María Soledad Espiño, directora de Termas de Cuntis-.

“Os balnearios son beneficiosos para todas as idades”

O sector acordou solicitar novamente á Axencia de Turismo de Galicia a súa colaboración para reactivar o programa “Verán e Outono Termal”, dándolle un novo enfoque. “Estamos a traballar na posta en marcha de novos programas, que animen a familias e grupos de amigos a descubrir os balnearios e o termalismo de Galicia a través de estancias curtas, que lles permita coñecer as súas vantaxes para a saúde. Aínda que existe unha idea xeralizada de que os balnearios están destinados unicamente ás persoas maiores, o certo é que son beneficiosos para todas as idades” -manifestan desde a Asociación-.

Tal como se expón no “Vademécum de las aguas mineromedicinales de Galicia”, accesible a través da web de la Asociación (www.balneariosdegalicia.gal), os programas terapéuticos dos balnearios resultan moi efectivos no tratamento de doenzas crónicas, tanto as do aparato locomotor como o reumatismo ou a artrose, as afeccións da pel como a psoríase ou o eccema, e as do aparato respiratorio. Ademais, segundo datos do sector, son cada vez máis as persoas que acuden aos balnearios para tratar o estrés, a fatiga crónica ou simplemente para descansar.

Na Asamblea púxose tamén de relevo a satisfacción do sector pola reactivación, previsiblemente a mediados de outubro, do programa “Benestar en balnearios” da Consellería de Política Social, tras dous anos de interrupción. Trátase dun programa de estancias de 9 noites e 10 días dirixido a maiores de 60 anos e a pensionistas maiores de 55, que inclúe pensión completa e tratamentos termais, así como un seguimento médico.

A Asociación está integrada por 18 balnearios das catro provincias, que ofertan máis de 2.500 prazas hoteleiras e suman ao redor de 1.200 postos de traballo

A Asociación de Balnearios de Galicia naceu no ano 1985 co obxecto de representar e promocionar o sector termal galego. Aglutina a 18 dos 20 balnearios que hai en activo na nosa comunidade. Os centros asociados ofertan máis de 2.500 prazas hoteleiras e suman ao redor de 1.200 postos de traballo.

Na actualidade a Asociación está integrada por un total de 18 balnearios. Na provincia da Coruña atópanse o de Carballo e o de Compostela (Brión). En Lugo, o Iberik Augas Santas (Pantón) e Lugo-Termas Romanas. Na de Ourense están os de Arnoia Caldaria, Baños de Molgas, Laias Caldaria (Cenlle), Lobios Caldaria, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño). E en Pontevedra sitúanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Eurostars Isla de La Toja, Eurostars Gran Hotel La Toja e o balneario de Mondariz.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: ,