Será en Termatalia, da man do doutor Juan Gestal, director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia
Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2023 (Vía Láctea Comunicación).- A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia vai participar esta semana en Termatalia, a “21ª Feira Internacional de Turismo, Saúde e Benestar”, que nesta edición se celebra en Uruguai os días 4, 5 e 6 de outubro. A Cátedra é a primeira en Galicia e a segunda existente en España nesta materia. Desde o ano 2006 iniciou no coñecemento da balneoterapia a máis de 2.000 futuros médicos, divulgando ademais as bondades da cura balnearia entre a sociedade.

No marco de Termatalia, o doutor Juan Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública e director da Cátedra, vai participar na sesión inaugural do “IV Congreso Internacional sobre Agua y Salud”, nunha mesa redonda na que se tratarán as evidencias científicas da Hidroloxía Médica, en particular as sinerxías entre a universidade, a medicina e o sector empresarial no desenvolvemento do termalismo. Farao xunto aos doutores Francisco Maraver, presidente da Sociedad Española de Hidrología Médica; Miguel Ángel Fernández, director médico do Balneario de Cofrentes (Valencia) e Pedro Cantista, presidente da Sociedade Internacional de Hidroloxía Médica.
O doutor Gestal porá de relevo en Uruguai a importancia das actividades desenvoltas ao longo destes anos pola Cátedra de Hidroloxía Médica. Incidirá na formación dos alumnos, mediante os cursos de hidroloxía médica e os seminarios realizados nos balnearios galegos; na a formación dos médicos coa difusión do “Vademécum de las aguas mineromedicinales de Galicia”; e nas actividades de divulgación da balneoterapia entre os alumnos de Primaria e ESO mediante a guía didáctica “Os Balnearios de Galicia. Descubre as súas posibilidades para a saúde”; e nos adultos, co ciclo “A Saúde é o que importa” e os cursos de balneoterapia incorporados ao IV Ciclo da Universidade de Santiago. Tamén se referirá ás publicacións realizadas pola Cátedra, accesibles ao público na web https://www.catedrahidrologiamedica.com/.
A riqueza das augas mineromedicinais de Galicia
Durante Termatalia o doutor Gestal vai presentar o “Vademécum de las aguas mineromedicinales de Galicia”, unha publicación da Cátedra destinada aos médicos que se repartiu en Galicia a todos os especialistas en medicina de familia, pediatría, reumatoloxía, pneumoloxía, dermatoloxía, traumatoloxía e rehabilitación, así como aos MIR de todas estas especialidades. Trátase dunha “ferramenta moi valiosa para que os médicos dispoñan de información fidedigna sobre as principais indicacións actuais das augas mineromedicinais, os procedementos de aplicación e a dispoñibilidade nos diferentes balnearios da comunidade”.
Os balnearios galegos no Camiño de Santiago
No transcurso da feira a Cátedra vai presentar tamén a publicación “Balnearios en los Caminos de Santiago en Galicia”, coa que se pretende “animar aos peregrinos e amantes do Camiño de Santiago a descubrir e visitar os nosos balnearios, situados nas proximidades dos diferentes itinerarios; desfrutar da súa riqueza cultural e gastronómica, e atopar neles o merecido repouso e alivio das fatigas do Camiño coa inmersión nas súas augas salutíferas”.
O doutor Gestal destaca que “as augas mineromedicinais galegas, ben coñecidas e documentadas desde a dominación romana, teñen sido un reclamo durante séculos para moitos peregrinos que afrontaban a dureza do Camiño de Santiago. Na actualidade augas e Camiño constitúen, probablemente, dous dos recursos máis coñecidos e mellor valorados de Galicia desde o punto de vista turístico, cultural e económico; esenciais na economía galega e na proxección nacional e internacional da nosa comunidade”.
O director da Cátedra salientará en Uruguai que “Galicia é un dos principais destinos termais de Europa. O termalismo, ao igual que o Camiño de Santiago, constitúe un importante patrimonio europeo”. Nesta liña, apunta que “o termalismo tivo un enorme papel histórico e cultural no nacemento e desenvolvemento do turismo ao longo dos séculos XVIII e XIX, e na dinamización socioeconómica das comarcas onde se localizan os balnearios, contribuíndo ademais á conservación e valorización medioambiental dos seus contornos”.