A cura balnearia mellora doenzas da sintomatoloxía persistente da Covid 19 como a redución da forza muscular e da capacidade cardiorespiratoria, e os problemas neurolóxicos

Antes de comezar o tratamento personalizado, os médicos avalían a sintomatoloxía do paciente, incluíndo os aspectos físicos, psicolóxicos e psiquiátricos da rehabilitación

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021 (Vía Láctea Comunicación).- O hotel balneario lucense de Augas Santas acolle esta fin de semana -días 24 e 25-unhas xornadas para futuros médicos, promovidas pola Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, nas que se explicarán os beneficios da hidrocinesiterapia e a terapia termal na recuperación da síndrome pos-Covid 19.

No tratamento médico da hidrocinesiterapia, o paciente realiza exercicios dentro da auga e, grazas ás propiedades térmicas e mecánicas do medio acuático, pode obter melloras nas súas doenzas musculares, articulares e incluso en lesións neurolóxicas.

Segundo explica o doutor Antonio Freire, director médico do balneario situado na localidade lucense de Pantón e coordinador da actividade, “despois da recuperación da Covid-19, a infección e o longo período de hospitalización poden dar lugar a secuelas a medio e longo prazo como unha redución da forza muscular, redución da capacidade cardiorrespiratoria, neuropatías e outras posibles síndromes neurolóxicas pos infecciosas, desequilibrio inmunolóxico residual, así como trastorno cognitivo ou neuropsíquico (ansiedade, depresión, tensión postraumática e outros trastornos funcionais). Todas estas secuelas requiren intervencións terapéuticas e de rehabilitación axeitadas despois da alta hospitalaria”

“En todos estes casos, a cura balnearia a través das aplicacións de técnicas hidrotermais como balneación, técnicas de presión, técnicas respiratorias ou peloidoterapia (aplicación de lodos termais), xunto con outras técnicas complementarias como a hidrocinesiterapia e os exercicios respiratorios, permiten unha mellora significativa da sintomatoloxía persistente da Covid-19”, sinala o doutor Freire.

“Os programas pos-Covid preparados en IBERIK Augas Santas son personalizados, é o equipo médico o que, tras unha consulta médica inicial, identifica o fenotipo clínico (patrón respiratorio, cardiorrespiratorio, neurocognitivo ou patrón con actividade inflamatoria persistente) e avalía a sintomatoloxía para guiar o manexo, incluíndo os aspectos físicos, psicolóxicos e psiquiátricos da rehabilitación”, explica o director médico do centro. Así mesmo, subliña que “antes de comezar o tratamento comprobamos que se valorou calquera síntoma que poida afectar á persoa, para aplicar a cura balnearia de forma segura”. A duración estándar deste tipo de programas é de nove dias.

A contorna balnearia, con actividades deportivas, sociais, culturais e turísticas dos arredores, complementan os beneficios terapéuticos da aplicación das augas mineromedicinais, converténdose en lugares ideais para a recuperación de persoas con síndrome pos-Covid, especialmente no relativo ao cansazo físico e psicolóxico.

Programa teórico-práctico

As xornadas comezan o venres 24 pola tarde con dúas sesións prácticas impartidas por profesionais do mesmo centro. A primeira tratará sobre balneación e aplicacións a presión colectivas en piscina, dirixida pola fisioterapeuta Patricia López, á que seguirá a sesión sobre técnicas termais, impartidas polas técnicas Yolanda Rodríguez e Xaqueline Sotero. A mañá do sábado 25 comezará cunha sesión teórico-práctica sobre hidrocinesiterapia, da man de Patricia López, e rematará cunha charla do doutor Antonio Freire sobre técnicas termais e hidrocinesiterapia, e a utilidade da terapia termal na recuperación da síndrome pos-Covid 19.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , , , , ,