Benigno Amor

A Asociación de Balnearios de Galicia anima aos usuarios do bono turístico “Quedamos en Galicia” a empregalo este outono nos establecementos termais, xa que o programa segue vixente ata o quince de decembro deste ano

“Os balnearios galegos, coas portas reabertas dende este verán, traballan para aproveitar os atractivos do Xacobeo 2021-22 como panca de recuperación dunha industria que é dinamizadora de emprego e riqueza na Galicia interior”

O xerente da entidade participou no II Congreso Internacional sobre Agua e Saúde, en Termatalia (Expourense), onde presentou as iniciativas para impulsar a industria termal galega na etapa pos-Covid

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2021 (Vía Láctea Comunicación).- A Asociación de Balnearios de Galicia presentou esta mañá as iniciativas en marcha para impulsar a industria termal galega na etapa pos-Covid. Fíxoo no marco do “II Congreso Internacional sobre Auga e Saúde” de Termatalia, que se celebra estes días en Expourense.

O xerente da asociación, Benigno Amor, manifestou que “a maior parte dos balnearios galegos teñen xa as súas portas abertas dende este verán e, entre outras liñas de acción, traballan para aproveitar os atractivos do Xacobeo 2021-22 como panca de recuperación dunha industria que é dinamizadora de emprego e riqueza na Galicia interior”.

Con este obxectivo reforzouse a aposta polo produto turístico “Un Descanso nos Camiños”, no que os balnearios ofrécense aos peregrinos, visitantes e amantes do Camiño de Santiago como establecementos nos que beneficiarse dos tratamentos termais “en sintonía cos valores xacobeos, ao actuar como espazos para a desconexión da rutina, o encontro e a reflexión persoal, así como para o desfrute das actividades culturais, gastronómicas e de lecer da contorna, tales como as visitas guiadas, o enoturismo, o turismo activo de baixo impacto ou a experiencia gastronómica, ademais de explorar rutas sendeirismo preferentemente en tramos do Camiño de Santiago”.

“Descanso nos Camiños” conta co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, ademais do respaldo da industria a través do Clúster de Turismo de Galicia, e nel participan a Asociación de Balnearios de Galicia, a Fundación Expourense, Unión de Hosteleros Ourensanos, Caldaria Termal e Amigos da Cociña Galega.

Galicia é o primeiro destino termal de España polo número de balnearios, a calidade das instalacións e a cualificación dos seus profesionais.

Benigno Amor

Entre as accións para a súa promoción, a actual edición da feira Termatalia foi o escenario elixido para a celebración dun workshop virtual dirixido a axencias de viajes e operadores. Así mesmo, está prevista a súa presentación no foro “Fairway – IV Fórum Camiño de Santiago”, que terá lugar do 7 ao 9 de novembro no Palacio de Exposicións e Congresos de Galicia, en Santiago de Compostela.

Quedamos en Galicia

Outro dos programas destacados por Benigno Amor foi o bono turístico “Quedamos en Galicia”, posto en marcha pola Xunta de Galicia para fomentar entre a cidadanía a actividade turística tras a pandemia da Covid-19, e animou aos usuarios da tarxeta a empregala este outono nos balnearios, xa que o programa segue vixente ata o quince de decembro do presente ano. No caso dos balnearios, están adheridos ao programa dez hoteis-balneario: Lugo, Iberik Augas Santas, Río Pambre, Arnoia Caldaria, Laias Caldaria, Lobios Caldaria, Caldelas de Tui, Eurostars Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja Eurostars e Mondariz.

No que respecta ao programa “Verán Termal”, que inclúe nove noites de aloxamento en réxime de pensión completa ademais dun programa terapéutico baixo prescrición médica, salientou a gran aceptación do programa, con máis do 80 por cento das prazas dispoñibles vendidas, e lembrou que ata o final de setembro as persoas interesadas aínda pode facer usa das prazas libres.

Noutros puntos da súa intervención, Benigno Amor recordou que “Galicia é o primeiro destino termal de España polo número de balnearios, a calidade das instalacións e a cualificación dos seus profesionais”. A comunidade suma un total de vinte centros, que achegan máis de 2.500 prazas hoteleiras e 1.200 postos de traballo.

Termalismo social

Pola súa parte María Soledad Espiño, Presidenta da Asociación de Balnearios, destacou que “ao longo dos meses de xullo e agosto, os balnearios foron recuperando clientela gracias ás súas ofertas específicas e tamén a programas colectivos como “Verán Termal”, desenvolvido co apoio da Axencia de Turismo de Galicia e no que participaron doce balnearios galegos. Esta tendencia sigue manténdose no mes de setembro e agardamos que teña continuidade no outono coa posta en marcha do Programa de Termalismo do IMSERSO”. Neste sentido, engadiu que “é unha mágoa que a Consellería de Política Social non convoque este ano o seu programa “Benestar en balnearios”, que viña ofertando ata o ano 2019 unhas 700 prazas en balnearios para pensionistas galegos”.

O programa estatal de Termalismo do IMSERSO (Instituto de Mayores y Servicios Sociales) comezará en Galicia no vindeiro mes de outubro e dispón de 4.317 prazas ofertadas polos 17 balnearios participantes na comunidade.

Os balnearios de Galicia

Forman parte da Asociación de Balnearios de Galicia 18 establecementos termais. Na provincia da Coruña atópanse o de Carballo e o de Compostela (Brión). En Lugo Augas Santas (Pantón) e Termas Romanas de Lugo. En Ourense están os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño). E en Pontevedra sitúanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja Eurostars e Mondariz.

Categorías: Notas de prensa | Etiquetas: , , ,