Persoas nun balneario.

A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios aposta pola hidroterapia como unha terapia eficaz na recuperación da saúde trala pandemia

Leva 11 anos difundindo o valor da cura termal na prevención e tratamento de enfermidades crónicas.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2021 (Vía Láctea Comunicación).- A Cátedra de Hidroloxía Médica Universidade de Santiago-Balnearios de Galicia leva 11 anos formando a futuros facultativos na cura termal e difundindo entre a sociedade o valor das augas mineromedicinais na prevención e tratamento das enfermidades. A materia de Hidroloxía Médica comezou a impartirse na USC en 2006, froito dun acordo coa Asociación de Balnearios de Galicia. Catro anos despois nacía, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, a Cátedra de Hidroloxía Médica, a segunda que existía en España, e que forma cada ano a máis dun centenar de alumnos.

O director da Cátedra é o doutor Juan Gestal Otero, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago. Explica que a Cátedra ten programadas varias actividades para este curso. Nesta liña, hai unhas semanas poñíase en marcha unha nova edición do ciclo “A saúde é o que importa”, destinado a afondar no valor terapéutico actual da cura balnearia, coa participación de especialistas sanitarios de recoñecido prestixio. A primeira sesión centrouse nas indicacións da cura balnearia para o tratamento da psoríase, os eccemas e outras doenzas da pel. A esta seguirán outras dúas, que se celebrarán tamén de xeito online en maio e xuño e versarán sobre a cura balnearia nos problemas psicosomáticos da pandemia, que ofrecerá o doutor Mario Páramo, xefe do Servizo de Psiquiatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago; e a cura balnearia nos trastornos da motricidade e nos problemas neuro-ortopédicos, impartida polo doutor Javier Jorge Barreiro, profesor emérito de Anatomía Humana da Universidade de Santiago e ex-xefe do Servizo de Rehabilitación do Hospital Clínico Universitario de Santiago.

A Cátedra vai participar tamén no curso sobre o coidado ao paciente oncolóxico no contorno termal, que terá lugar en xuño no Talaso Atlántico de Oia. Ademais, vaise presentar o libro “Os balnearios no Camiño de Santiago”, en colaboración con Amigos do Camiño Mozárabe. En setembro celebrarase unha xornada científica sobre a importancia dos balnearios na recuperación da saúde trala pandemia. E en setembro e outubro terán lugar os seminarios dos alumnos de último curso da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago nos balnearios de Arnoia, Augas Santas e Laias. Así mesmo, a Cátedra vai participar na 20ª Feria Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar -Termatalia-, que se vai celebrar en Expourense a mediados de setembro.

O avellentamento da poboación, o incremento das doenzas crónicas e o estrés fan que a cura balnearia teña cada vez máis aplicacións na medicina actual

O director da Cátedra destaca “o peso cada vez maior da hidroloxía médica na medicina actual, pois o avellentamento da poboación, o incremento das enfermidades crónicas e o estrés fan que a balneoterapia teña cada vez máis aplicacións”. E indica que “a medicina actual debe ter en conta os beneficios da cura termal para previr e curar determinadas doenzas”. Nesta liña, asegura que “a cura balnearia pode axudar á capacidade natural de recuperación do organismo, máxime para recuperarse de moitos dos problemas de saúde sufridos durante a pandemia”.

O avellentamento da poboación, o incremento das enfermidades crónicas e o estrés fan que a balneoterapia teña cada vez máis aplicacións

Juan Gestal Otero.

“Na actualidade a balneoterapia ten moitas indicacións na prevención, tratamento e rehabilitación de procesos patolóxicos baseadas na evidencia científica. Un recurso terapéutico que debemos aproveitar tendo en conta que Galicia ten unha enorme riqueza en augas mineromedicinais. A cura balnearia é, por outra parte, unha terapia pouco agresiva, suave, ben tolerada, que rara vez ocasiona efectos secundarios” -manifesta o doutor-. Asegura que se trata dunha “terapia complexa que aporta, ademais dos efectos específicos, en función das características da auga e das vías e técnicas de administración, os beneficios das circunstancias ambientais que proporciona o propio balneario”.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: ,