Muller nun balneario

A balneoterapia preséntase como un tratamento complementario moi efectivo para abordar a psoríase, unha doenza crónica que afecta ao 2% da poboación

En tratamentos prolongados da pel pode substituír a certos medicamentos tópicos como os corticoides

O ciclo “A saúde é o que importa” celebra esta tarde unha nova sesión na que se tratarán os beneficios da terapia termal para tratar determinadas enfermidades da pel

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2021 (Vía Láctea Comunicación).- A Cátedra de Hidroloxía Médica Universidade de Santiago-Balnearios de Galicia promove o ciclo “A saúde é o que importa”. Esta iniciativa, que se poñía en marcha no ano 2019, está destinada a difundir entre a sociedade o valor terapéutico actual da cura termal.

Esta tarde, a partir das 19:00 horas, celebrarase a primeira sesión deste ano. Debido á actual situación sanitaria provocada pola COVID-19, vai ter lugar de xeito online. O público interesado poderá seguila a través do enlace https://youtu.be/GqI8hBs0CIo.

Esta primeira charla ofreceraa a doutora Virginia Fernández Redondo, catedrática de Dermatoloxía da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago. Abordará as indicacións da cura balnearia para o tratamento da psoríase, os eccemas e outras doenzas da pel.

A cura termal emprégase desde hai máis de dez séculos para tratar a psoríase
Virginia Fernández Redondo
Doutora Virginia Fernández Redondo

Na sociedade actual son moi habituais e diversos os problemas dermatolóxicos, xa desde a infancia. Nesta liña, a doutora Fernández Redondo salienta que “a atención sanitaria mellora cada día e por esta razón detéctanse problemas a idade temperás. Nos países desenvolvidos diagnostícanse estes problemas cada vez con máis frecuencia e pénsase que poden estar favorecidos pola exposición ambiental en pacientes con susceptibilidade xenética, e o tratamento termal preséntase como unha solución eficaz complementaria aos tratamentos farmacolóxicos”.

“No caso da psoríase, a cura termal emprégase desde hai máis de dez séculos” -destaca a doutora-. É unha enfermidade inflamatoria crónica da pel e, ocasionalmente, das articulacións, que provoca irritación e lesións escamosas. Afecta ao redor do 2% da poboación. Tal como indica a doutora, “existen diferentes tipos de psoríase, polo que será o especialista o que aconselle a pauta máis axeitada a cada caso. As aguas termais ricas en calcio e en magnesio parecen ser as máis indicadas. Os tratamentos deberán seguirse durante un mínimo de tres semanas e, nalgúns casos, compleméntanse con exposicións controladas á radiación ultravioleta para aumentar os seus efectos beneficiosos. As augas mineromedicinais úsanse debido aos seu poder antiinflamatorio, favorecen a descamación e a microcirculación, o que repercute na calidade de vida do paciente”.

“En nenos con dermatite atópica, se logramos mellorar a calidade do sono, xa é un logro moi importante”

Doutora Redondo.

Tal como sinala a doutora, no relativo aos eccemas, “tamén existen moitos tipos, e os tratamentos deben ir relacionados ademais co seu tempo de evolución. Unha característica común de todos eles é o proído e a balneoterapia mellora en boa medida este síntoma. Especialmente en nenos con dermatite atópica, se logramos mellorar a calidade do sono, xa é un logro moi importante”.

A doutora apunta que o tratamento con augas mineromedicinais tamén se recomenda para outras doenzas da pel como a acne, a dermatite seborreica… e mesmo para tratar os efectos adversos durante os tratamentos oncolóxicos.

“En función da doenza, a cura termal pode empregarse en ocasións de maneira illada para abordar as enfermidades da pel, pero o máis habitual é que se complemente cos tratamentos farmacolóxicos. En tratamentos prolongados poden substituír a certos medicamentos tópicos como os corticoides”.

-explica a doutora Fernández Redondo.

Unha vez rematada a charla, terá lugar un coloquio posterior co público participante a través de Zoom. Estará moderado polo director da Cátedra, o doutor Juan Gestal.

Enlace de Zoom:

https://zoom.us/j/96238164779?pwd=VTJTUTNZWERYVTEyZ1l4cHJQeHl5UT09

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , , , ,