Médicos galegos buscan reducir a elevada prevalencia das enfermidades crónicas provocadas por un mal estilo de vida

Consideran que as actividades sociais repercuten dun xeito moi positivo na nosa saúde, xunto a unha alimentación saudable, a realización de exercicio físico e bos hábitos de sono

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2024 (Vía Láctea Comunicación).- No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, o balneario lucense de Guitiriz acolle esta fin de semana -15 e 16 de marzo- unhas xornadas centradas na denominada Medicina de Estilo de Vida. Un grupo de futuros facultativos da Universidade de Santiago, que se están a formar na cura termal, coñecerán o valor desta nova corrente da Medicina para tratar a pacientes con enfermidades crónicas 

O coordinador deste seminario é o doutor Antonio Freire Magariños. Explica que a Medicina de Estilo de Vida é un novo campo da Medicina baseado na evidencia que cambia o modelo da práctica médica tradicional. Focaliza a súa atención na persoa considerada como individuo único, para axudala a levar unha boa alimentación, á realización de actividade física e a durmir ben. Así mesmo, céntrase na eliminación dos malos hábitos sociais, os comportamentos nocivos e a redución do consumo de substancias tóxicas como o alcol, as drogas e o tabaco. “A finalidade é conseguir deste xeito reducir a elevada prevalencia das enfermidades crónicas provocadas por un mal estilo de vida” -salienta o doutor-.

O experto pon de relevo que un dos principais propósitos dos centros termais é axudar aos pacientes a levar un estilo de vida saudable, controlando ademais trastornos como o estrés e a ansiedade. Destaca tamén a importancia de ter bos hábitos de comunicación e interacción social. Nesta liña, sinala que nos balnearios créanse psicogrupos con persoas que padecen as mesmas patoloxías, co fin de axudalas a conectar co problema que teñen en común. “Interactuar, realizar actividades sociais é un aspecto fundamental que repercute dunha maneira moi positiva na nosa saúde” -manifesta-. “Identificamos os problemas en particular, detectamos posibles carencias persoais e abordamos cada caso cun tratamento personalizado a través de programas específicos de fomento de hábitos de vida saudables ” -apunta o doutor-. 

A Medicina de Estilo de Vida

As xornadas comezan este venres ás 16:00 horas. O doutor Freire explicaralles aos participantes as principais técnicas termais que se empregan no balneario, ao tempo que se afondará na Medicina de Estilo de Vida e na súa aplicación desde os centros termais. De seguido, terán unha sesión práctica sobre as diferentes técnicas balnearias. Na xornada do sábado, o alumnado terá a oportunidade de realizar exercicios nas piscinas, rematando cunha sesión sobre termalismo e medicina estética, que impartirá a doutora Magdalena Pereiro.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , , , ,