Expertos médicos galegos salientan que a balneoterapia diminúe o consumo de analxésicos e antiinflamatorios en entre o 40 e o 60% dos pacientes con doenzas reumatolóxicas, reducindo nun 30% o absentismo laboral

Este tipo de enfermidades son a principal causa de discapacidade nos adultos en todo o mundo

Santiago de Compostela-Lugo, 1 de abril de 2024 (Vía Láctea Comunicación).- “A balneoterapia nas enfermidades reumáticas” é o tema das xornadas que terán lugar esta fin de semana no balneario Termas Romanas de Lugo. A actividade diríxese a futuros médicos da Universidade de Santiago e está promovida pola Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia.

O doutor Antonio Freire Magariños é o coordinador deste seminario. Salienta que “a utilización da auga mineromedicinal para tratar as patoloxías reumáticas vén desde a antigüidade e hoxe en día a cura balnearia segue a considerarse moi efectiva para abordar os síntomas dos procesos vencellados ao aparato locomotor”. Nesta liña, indica que “entre o 40 e o 60% das persoas usuarias destas terapias logran diminuír o consumo de medicamentos, en particular analxésicos e antiinflamatorios”. 

As enfermidades reumatolóxicas son a principal causa de discapacidade nos adultos en todo o mundo e na actualidade a maioría dos tratamentos en balnearios céntranse neste tipo de doenzas. Así, son moitos os países europeos onde a balneoterapia se emprega como abordaxe complementaria das doenzas reumáticas, pola súa eficacia na diminución da dor, da incapacidade funcional e da reacción inflamatoria que acompaña o proceso de deterioración e de destrución da cartilaxe articular.

A efectividade da balneoterapia para tratar a artrose, a lumbalxia e a fibromialxia

Numerosos estudos clínicos realizados nos últimos anos demostran a efectividade da balneoterapia  en varias enfermidades reumáticas crónicas e dexenerativas, sobre todo a artrose, a lumbalxia e a fibromialxia, os reumatismos crónicos e o tratamento das secuelas de traumatismos. Ademais, diversos estudos sinalan que un incremento do 1% no gasto sanitario en balnearios repercute nun aforro de entre o 30 e o 40% en gastos médicos farmacolóxicos, ao tempo que se reduce nun 30% o absentismo laboral. 

Nestas xornadas explicaranse os mecanismos responsables da efectividade da balneoterapia nestas doenzas, como é o caso dos efectos térmicos, os da inmersión na auga e os derivados da composición química das augas mineromedicinais. Segundo o doutor Freire, a partir dos nove días de tratamento máis do 70% dos pacientes logran unha importante melloría no seu estado de saúde e, en consecuencia, na súa calidade de vida, efectos que se manteñen de seis a nove meses.

Os pacientes ven así reducida en boa medida a dor, a inflamación, a amplitude articular, a flexibilidade das súas articulacións e, o que é máis importante -tal como sinala o doutor-, “perden o risco de ser dependentes funcionais, poden valerse por si mesmos, retrasando a aparición de certas patoloxías”.

Os futuros médicos coñecerán distintos tipos de técnicas e tratamentos nas piscinas termais

As xornadas comezan o venres ás 16:30 horas coa intervención da doutora Rosa Meijide, catedrática de Hidroloxía Médica da Universidade da Coruña, que abordará o mecanismo de acción das augas mineromedicinais sobre as enfermidades reumatolóxicas. De seguido, os participantes farán unha visita polas instalacións do centro e, finalmente, realizarán unha sesión práctica para coñecer as técnicas e tratamentos que se levan a cabo nas piscinas termais.
Na mañá do sábado o doutor Antonio Freire Magariños afondará no tratamento balneoterápico das doenzas reumatolóxicas e outras técnicas complementarias. Posteriormente, o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, incidirá no panorama actual do termalismo na comunidade galega e na normativa principal que afecta ao sector. Pola tarde, como peche da xornada, os futuros facultativos participarán nunha sesión práctica no balneario.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , , , , ,