Balneario Acuña (Caldas de Reis)

Balneario Acuña (Caldas de Reis)

Tipos de aguas

Ofrece augas cloruro fluoradas, silicatadas e bicarbonatadas, azoado termais e sulfurosas, sódico-líticas e radiactivas. Emanan a unha temperatura de 42 °C.

Indicacións terapéuticas

  • afeccións de vías respiratorias
  • reumatismos
  • afeccións psiconerviosas
  • estrés

Programas

  • Servizos tradicionais: hidromasaxes, chorros, ducha escocesa, inhalacións, aerosoles…
  • Tratamentos de Enerxía da Cor: unión de augas, arxilas de cores e medicina tradicional chinesa.
  • Circuíto Aquis Celenis: combinación de distintas técnicas de auga con contraste de temperaturas.

Servizos hoteleiros

O hotel dispón de 60 habitacións dobres e dúas adaptadas a discapacitados, equipadas con baño, televisión de plasma, teléfono e calefacción. Completa as súas instalacións con salóns sociais, comedor e piscina termal.

Historia

A principios do século XIX o sacerdote Pedro Acuña y Malvar, quen fora ministro co rei Carlos IV, funda unha casa de augas, construíndose só o primeiro corpo. Tralo seu falecemento, o empresario Elisardo Domínguez promove un novo edificio de cinco plantas e baixo cuberta, caracterizado pola súa fachada modernista e amplas galerías, obra do vigués Jenaro de la Fuente. En 2007 o balneario é obxecto dunha importante ampliación e créase unha nova galería termal.

O Contorno

Caldas de Reis

Entorno Balneario Acuña (Caldas de Reis)

Caldas de Reis está ao norte da provincia de Pontevedra, abríndose á ría de Arousa, entre as cidades de Pontevedra (a 21 km) e Santiago (a 36 km). A un paso do mar, é a porta de entrada ao val do Salnés e ás Rías Baixas. A comarca é tamén lugar de paso dos peregrinos que se dirixen a Compostela.

www.caldasdereis.com

A auga é o elemento vertebrador deste municipio, capital da comarca Ulla-Umia. Ademais de ser unha vila termal, Caldas está bañada polos ríos Umia e Bermaña, que corren entre fervenzas, pontes e praias fluviais. A auga dá vida tamén a unha morea de xardíns, que permiten realizar longos paseos por todo o centro urbano.

No territorio hai multitude de pegadas da Antigüidade como mámoas, necrópoles, castros, menhires e petroglifos. O achado arqueolóxico máis importante é o Tesouro prehistórico de Caldas, descuberto en 1941 por uns obreiros que traballaban asentando unhas viñas e que consta de 15 quilos de ouro en brazaletes, torques, pulseiras e outras xoias.

Estes vales foron lugar de residencia de importantes liñaxes galegas, que deixaron para a posteridade suntuosos pazos e casas nobres, nas que resaltan escudos e brasóns, símbolos do señorío doutros tempos. Ademais, esta é terra de canteiros, tal como se reflicte na multitude de cruceiros que aínda se conservan.

Durante moito tempo a economía da zona xirou en torno ao millo, de aí que abunden construcións como muíños, fornos e hórreos. O hórreo máis singular é o Cabaceiro de San Clemente, xa que é o máis primitivo, da época prehistórica, con forma circular e feito con varas e vimbio.

Na parroquia de Arcos da Condesa aínda pervive o oficio dos campaneiros. No Obradoiro de Campaneiros de Badoucos, que se pode visitar, fixéronse as campás que hoxe repican na catedral madrileña da Almudena.

Información

Tipo de aloxamento:
Hotel balneario **

Número de Rexistro Sanitario:
C-36-000480

Temporada de apertura:
Todo o ano

Enderezo:
Herrería, 2
36650 Caldas de Reis (Pontevedra)
Tel: 986 540 010
Fax: 986 540 010

Correo-e: reservas@relaistermal.com

Web: www.balnearioacuna.com

Galería