A saúde é o que importa.

“A saúde é o que importa” aborda os beneficios da cura termal nas doenzas da pel e reumáticas, e no tratamento da dor

Baixo o título “A saúde é o que importa”, a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, financiada por Turismo de Galicia, promove un ciclo destinado a difundir entre a sociedade o valor terapéutico actual das augas mineromedicinais. O compostelán Hotel Araguaney acolleu unha nova sesión deste ciclo, na que se afondou nas indicacións da cura termal para o tratamento das enfermidades da pel e reumáticas e tamén para abordar a dor. Os expertos participantes mantiveron un coloquio posterior co público asistente, que moderou o director da Cátedra, o doutor Juan Gestal.

Doenzas da pel cun impacto moi negativo na calidade de vida dos pacientes

A doutora Ángeles Flórez é profesora titular de Dermatoloxía da Universidade de Santiago e xefa do Servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Sinala que, “para tratar doenzas da pel, a balneoterapia é unha ferramenta usada dende hai máis de 2000 anos, xa se aplicaba con éxito na época do antigo imperio romano”. Apunta que é especialmente eficaz no caso das enfermidades inflamatorias e autoinmunes como son a psoríase e a dermatite atópica. “Estas patoloxías teñen un impacto moi negativo na calidade de vida dos pacientes. E, aínda que nos últimos anos lográronse avances significativos no eido das terapias dirixidas, a balneoterapia segue a xogar un papel importante como tratamento complementario ao uso de fármacos, do que se pode beneficiar unha porcentaxe elevada de pacientes, tal como o corroboran as evidencias científicas” -declara-.

Con respecto a estas doenzas da pel, a doutora afirma que “a cura termal logra aliviar os seus síntomas, en particular o prurito e a dor, e, ademais, apréciase unha melloría significativa na redución das lesións cutáneas”. Outro aspecto que resalta a doutora é que se reduce o risco de infección, ao tempo que axuda a restablecer a microbiota cutánea.

As enfermidades reumáticas

O doutor Santos Ínsua, médico do Servizo de Reumatoloxía do CHUS, afondou nos beneficios da balneoterapia para abordar diversas patoloxías musculoesqueléticas. Centrarase en particular nas artroses -sobre todo nas de carga, como son os xeonllos, cadeiras, columna e nocellos- e nas lumbalxias. Entre os principais efectos terapéuticos da cura termal sobre estas doenzas, o doutor salienta que “logra diminuír a dor, a inflamación e a rixidez articular, producíndose unha importante melloría nos casos de mobilidade reducida. Así mesmo, conséguese reducir a dependencia de fármacos analxésicos e antiinflamatarios”.

Momento da presentación.

O especialista manifesta que “a balneoterapia non é unha terapia curativa pero sí unha boa terapia complementaria ao tratamento farmacolóxico. Alivia notablemente os síntomas destas doenzas, a funcionalidade e a calidade de vida dos pacientes. Existe evidencia científica destas terapias sobre os procesos reumáticos e, ademais, apenas teñen contraindicacións”.

Segundo os datos aportados polo doutor Ínsua en relación á cura termal, as enfermidades musculoesqueléticas precisan un tratamento de entre unha e dúas semanas e os efectos terapéuticos prolónganse durante varios meses. Indica que “cómpre repetir o tratamento unha ou dúas veces ao ano para manter os seus beneficios”.

O tratamento da dor

O doutor Elías Festa, director médico do balneario de Caldelas de Tui, referiuse ás técnicas termais que se aplican na actualidade para o tratamento da dor. Nesta liña, o experto sinala que especialmente prevalentes entre a poboación son enfermidades como a lumbalxia crónica, a cervicalxia e a fibromialxia, todas elas vencellas á dor. Pon de relevo que teñen unha importante repercusión social, cunha alta incidencia nas baixas laborais, o que supón unha carga elevada para o sistema de saúde.

O especialista destaca que o tratamento termal aplicado a este tipo de procesos crónicos favorece a calidade de vida das persoas, reducindo o consumo de analxésicos e os períodos de baixa por incapacidade temporal. Así, salienta que “mellora o ton muscular e reduce a inflamación e, o que é máis importante, mellora o estado anímico dos pacientes. En relación a este aspecto, a repercusión psicolóxica é moi destacable, posto que a dor crónica provoca un status depresivo. Nestes doentes a súa expectativa vital está ligada á dor, polo que reverter ese proceso para contribuír ao seu benestar tanto físico como emocional é un obxectivo prioritario das técnicas termais”.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , ,