A saúde é o que importa 2026

“A saúde é o que importa” analiza en Ourense as bondades da cura termal para tratar enfermidades da pel, reumáticas e respiratorias

O ciclo “A saúde é o que importa” da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, financiada por Turismo de Galicia, celebrou unha nova sesión no Liceo de Ourense. Centrouse nas indicacións actuais da cura termal para o tratamento de patoloxías respiratorias, reumáticas e da pel. Os expertos participantes mantiveron un coloquio posterior co público asistente, moderado polo director da Cátedra, o doutor Juan Gestal.

O efecto antiinflamatario e analxéxico das augas

O doutor Rafael Melero é médico do Servizo  de Reumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Salienta que “o uso de augas mineromedicinais, en particular as sulfuradas, aplicadas mediante diferentes técnicas termais como baños, chorros, lodos… teñen un efecto analxésico e antiinflamatario en doenzas reumáticas como a artrose, as lumbalxias ou a fibromialxia”. O doutor destaca sobre todo o caso da artrose, xa que afecta a un maior número de pacientes e, ademais, é a enfermidade reumática máis tratada nos balnearios. En relación á artrose, o especialista sinala que a inmersión en auga quente axuda a reducir a rixidez articular, tan característica destes procesos dexenerativos.

Momento da charla.

O doutor destaca que a cura termal, ademais de mellorar a función articular, logra reducir a inflamación a dor que acompaña a estas enfermidades, mellorando a funcionalidade dos pacientes e favorecendo a súa calidade de vida. Nesta liña, lembra que as doenzas reumáticas representan a principal causa de discapacidade en adultos a nivel mundial, polo que “todo tratamento complementario que mellore os síntomas e a saúde xeral dos pacientes, será moi positivo”.

“Os beneficios terapéuticos das augas mineromedicinais, o conxunto de técnicas que se aplican, o repouso, xunto ás condicións ambientais propias dos centros termais, son favorables para lograr a melloría dos pacientes” -apunta o especialista-. Deste xeito, pon de relevo “o uso da balneoterapia como complemento efectivo aos tratamentos farmacolóxicos”, ao tempo que asegura que logra reducir o consumo de medicamentos nun bo número de doentes.

Mellora da capacidade pulmonar

A doutora Mónica Fernández é médica da Unidade de Asma Grave do Servizo de Alergoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI). Indica que a balneoterapia favorece a función respiratoria, xa que axuda a reducir a inflamación, a que o moco sexa máis fluído e, polo tanto, máis doado de expulsar. Afirma que as diferentes técnicas de inhalación e os exercicios respiratorios melloran a capacidade pulmonar. “Ademais, o calor húmido propio destes tratamentos reduce a tendencia aos broncoespasmos. Tamén reduce o estrés e a  tensión muscular, fundamental á hora de respirar” -apunta-.

Os doutores participantes.

A doutora explica que a cura termal resulta beneficiosa para doenzas tan comúns como a rinite, a sinusite, a asma leve ou moderada, as afeccións das vías respiratorias altas como farinxites e larinxites; ao tempo que reduce as secuelas de enfermidades como a tuberculose ou a covid, nas que queda danada a función pulmonar. Respecto ás alerxias, salienta que se reduce a inflamación da mucosa nasal e bronquial. Nestes casos, explica que as augas sulfuradas e bicarbonatadas, as inhalacións e nebulizacións con auga ou vapor melloran a drenaxe e limpan as vías respiratorias.

A especialista asegura que os pacientes empezan a notar mellorías a primera semana do tratamento. “Para lograr que estes efectos beneficiosos se manteñan ao longo do tempo, cómpre realizar ciclos dunha ou dúas semanas e repetilos varias veces ao ano” -sinala-.

Os beneficios para os problemas da pel

Pola súa parte, o doutor Javier Labandeira, médico do Servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitario Universitario de Ourense (CHUO), afondou na cura balnearia en relación ás enfermidades da pel. Manifesta que é especialmente beneficiosa como tratamento coadxuvante da psoríase, a dermatite atópica e tamén para cicatrices que están en proceso de curación. Destaca que, nestes casos, “a temperatura da auga resulta moi positiva para o coidado da pel, xa que aumenta o fluxo vascular, ademais do contacto con diferentes oligoelementos presentes nas augas mineromedicinais”.

Segundo manifesta o especialista, os pacientes aprecian unha importante melloría nos seus síntomas. “Ven como se reduce a inflamación e diminúe o prurito. Así mesmo, unha maior hidratación fai que se reduza a sequedade da pel, a descamación e, en xeral, as lesións” -apunta-.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa