A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, financiada por Turismo de Galicia, clausurou esta fin de semana no balneario Termas Romanas de Lugo os “Seminarios teórico-prácticos de fin de semana nos Balnearios 2026” que cada ano imparte en diferentes centros termais galegos. Estas xornadas diríxense ao alumnado da facultade de Medicina da Universidade de Santiago, co fin de que coñezan os efectos terapéuticos da balneoterapia.
Nesta xornada de clausura participou o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, quen enxalzou o papel da Cátedra e a súa traxectoria de dezaseis anos formando a futuros facultativos da nosa comunidade na cura termal e difundindo entre a sociedade o valor actual das augas mineromedicinais na prevención e tratamento de certas enfermidades, en particular das crónicas.

No encontro participou tamén o director da Cátedra, o doutor Juan Gestal; o director do balneario de Lugo, Antonio Garaloces; o coordinador das xornadas, o doutor Antonio Freire; e o xerente de Balnearios de Galicia, Benigno Amor; xunto a varios representantes doutros centros termais galegos. O alumnado tivo a oportunidade de realizar sesións prácticas nas instalacións do balneario, coñecendo as principais técnicas e tratamentos que se aplican a pacientes con doenzas reumatolóxicas.
