Alumnado de Medicina coñece os beneficios da balneoterapia para tratar as doenzas reumatolóxicas

A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, financiada por Turismo de Galicia, forma aos futuros médicos da comunidade na cura termal. No marco desta iniciativa, o balneario Termas Romanas de Lugo acolle esta fin de semana (10 e 11 de abril) unhas xornadas centradas nos efectos terapéuticos da balneoterapia nas enfermidades reumatolóxicas, dirixidas a alumnado da Universidade de Santiago.

O director médico do balneario de Lugo, o doutor Antonio Freire Magariños, é o coordinador destas xornadas. Salienta que “a utilización da auga mineromedicinal para tratar as patoloxías reumáticas vén desde a antigüidade e hoxe en día a cura balnearia segue a considerarse moi efectiva para abordar os síntomas dos procesos vencellados ao aparato locomotor”. Nesta liña, indica que “entre o 40 e o 60% das persoas usuarias destas terapias logra diminuír o consumo de medicamentos, en particular analxésicos e antiinflamatorios”. 

Antonio Freire Magariños

As enfermidades reumatolóxicas son a principal causa de discapacidade nos adultos en todo o mundo e na actualidade a maioría dos tratamentos en balnearios céntranse neste tipo de doenzas.

Doutor Antonio Freire Magariños

“As enfermidades reumatolóxicas son a principal causa de discapacidade nos adultos en todo o mundo e na actualidade a maioría dos tratamentos en balnearios céntranse neste tipo de doenzas. Así, son moitos os países europeos onde a balneoterapia se emprega como abordaxe complementaria das doenzas reumáticas, pola súa eficacia na diminución da dor e da inflamación, ao tempo que mellora flexibilidade das articulacións” -apunta o doutor-. Pon de relevo, así mesmo, que o máis importante é que estes pacientes “perden o risco de seren dependentes funcionais, poden valerse por si mesmos, retrasando a aparición de certas patoloxías”.

Tratamento de doenzas como a artrose, a lumbalxia e a fibromialxia

Segundo manifesta o doutor Antonio Freire, numerosos estudos clínicos realizados nos últimos anos demostran a efectividade da balneoterapia na abordaxe de varias enfermidades reumáticas crónicas e dexenerativas, sobre todo a artrose, a lumbalxia e a fibromialxia, os reumatismos crónicos e o tratamento das secuelas de traumatismos. Ademais, aseguran que un incremento do 1% no gasto sanitario en balnearios repercute nun aforro de entre o 30 e o 40% en gastos médicos farmacolóxicos, ao tempo que se reduce nun 30% o absentismo laboral. 

Nestas xornadas explicaranse os mecanismos responsables da efectividade da balneoterapia nestas doenzas, como é o caso dos efectos térmicos, os da inmersión na auga e os derivados da composición química das augas mineromedicinais. Tal como destaca o doutor, a partir dos nove días de tratamento máis do 70% dos pacientes logran unha importante melloría no seu estado de saúde e, en consecuencia, na súa calidade de vida, efectos que se manteñen de seis a nove meses.

Os futuros médicos coñecerán distintos tipos de técnicas e tratamentos 

As xornadas comezan o venres ás 16:30 horas coa intervención da doutora Rosa Meijide, catedrática de Hidroloxía Médica da Universidade da Coruña, que abordará o mecanismo de acción das augas mineromedicinais sobre as enfermidades reumatolóxicas. De seguido, os participantes farán unha visita polas instalacións do centro e, finalmente, realizarán unha sesión práctica para coñecer as técnicas e tratamentos que se levan a cabo nas piscinas termais.
Na mañá do sábado, o doutor Antonio Freire Magariños afondará no tratamento balneoterápico das doenzas reumatolóxicas e outras técnicas complementarias. Posteriormente, o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, fará un repaso polo panorama actual do termalismo na comunidade galega, incidindo na normativa que afecta ao sector. Pola tarde, como peche da xornada, os futuros facultativos realizarán unha visita ás Termas Romanas e despois participarán nunha sesión práctica no balneario.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , , ,