A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, financiada por Turismo de Galicia, forma aos futuros médicos da comunidade na cura termal. No marco desta iniciativa, o balneario de Mondariz acolle esta fin de semana -10 e 11 de abril- unhas xornadas centradas no papel que cumpren os centros termais de cara a favorecer o envellecemento activo das persoas da terceira idade. Un grupo de alumnos da Universidade de Santiago coñecerán o valor terapéutico das augas mineromedicinais en relación aos pacientes xeriátricos.

A directora médica do Balneario de Mondariz, a doutora Laura Gómez San Miguel, sinala que para gozar dun envellecemento favorable cómpre ter hábitos de vida físicos, mentais e sociais saudables. “E a hidroloxía médica, baseada no uso das augas mineromedicinais, constitúe unha ferramenta moi valiosa para este colectivo, xa que contribúe a retardar a vellez, ao tempo que permite abordar certas patoloxías asociadas á idade” -manifesta-. Indica que axuda tanto á prevención de enfermidades como ao tratamento e rehabilitación no caso de doenzas crónicas de tipo reumatolóxico, respiratorio, dermatolóxico…
A doutora salienta que “grazas ao efecto antioxidante e antiinflamatario das augas mineromedicinais retárdase o proceso de envellecemento. Ademais, o seu efecto estimulante favorece a reactivación da capacidade física e psíquica das persoas, en particular dos pacientes xeriátricos”.
“Os balnearios, como centros especializados na promoción da saúde, axudan a mellorar a calidade de vida dos pacientes. O seu eixe principal é a cura termal a través da auga mineromedicinal, pero tamén é importante todo o que conlevan as diferentes técnicas de balneación (bañeiras, aplicación de auga a presión, parafangos, inhalacións…); xunto cunha correcta orientación nutricional, actividade física ou deportiva axeitada, apoio psicolóxico, a relación directa médico-paciente e o propio ambiente relaxante que rodea ao balneario” -explica a doutora-.
Os balnearios, como centros especializados na promoción da saúde, axudan a mellorar a calidade de vida dos pacientes.
Dra. Laura Gómez San Miguel
As xornadas comezan este venres ás 16:30 horas cunha charla da doutora Gómez sobre o balneario de Mondariz e o seu labor de fomento da medicina preventiva. Logo os asistentes terán a oportunidade de realizar un circuíto no Palacio da Auga. O sábado pola mañá a directora médica do centro explicaralles os efectos terapéuticos da balneoterapia sobre as persoas maiores, tanto para a prevención como para a recuperación de diferentes patoloxías, co obxectivo de manter un envellecemento activo e saudable. A continuación, o recuperador físico, Jonás Rodríguez, abordará as aplicacións da hidroterapia e a actividade física neste tipo de pacientes. Os futuros médicos achegaranse tamén aos traballos de fisioterapia que se realizan no balneario, da man da fisioterapeuta Rosa Elena Maita. Ao final da mañá os futuros médicos terán unha sesión práctica nas piscinas para coñecer de preto as diferentes aplicacións terapéuticas das augas.
