A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, financiada por Turismo de Galicia, participa no IV Ciclo da Universidade de Santiago, destinado a atender as necesidades de formación permanente das persoas maiores. Faino a través dun seminario centrado nas principais indicacións actuais da balneoterapia, coa colaboración de directores médicos de centros termais da nosa comunidade.
O curso inaugurouno o director da Cátedra, o doutor Juan Gestal, na facultade de Humanidades da Universidade de Santiago, no Campus de Lugo. Tal como el mesmo explica, “son cinco sesións coas que se pretende que os asistentes coñezan en que consiste a balneoterapia e as súas principais indicacións actuais nas que existe evidencia científica”. Están a ser impartidas, ademais de polo doutor Gestal, polos directores médicos dos balnearios de Augas Santas (Pantón) e Guitiriz, Antonio Freire; de Mondariz, a doutora Laura Gómez; de Caldaria, Dolores Fernández; e de Caldelas de Tui, Elías Festa.
No transcurso destas xornadas estanse a abordar aspectos como os diferentes tipos de augas mineromedicinais que existen na nosa comunidade e as indicacións terapéuticas de cada unha; a efectividade da balneoterapia para lograr un envellecemento saudable; as súas aplicacións para o tratamento de enfermidades respiratorias, cutáneas, vasculares crónicas e das doenzas reumáticas como o caso particular da fibromialxia.
Así mesmo, estase a afondar na recuperación funcional dos pacientes nos balnearios, posto que -tal como manifestan os expertos- “a cura termal preséntase como unha vía moi valiosa como terapia coadxuvante na prevención e recuperación funcional de alteracións do aparato locomotor, así como de certas doenzas neurolóxicas e postraumáticas”. Estase a abordar tamén o valor terapéutico da cura termal para tratar os trastornos ansiosos e depresivos.
O doutor Gestal salienta que “a balneoterapia ten hoxe indicacións con evidencia científica para o tratamento coadxuvante de numerosas patoloxías, e mesmo nalgunhas como tratamento de primeira opción como no caso da psoríase”. E pon de relevo que “Galicia ten unha importante riqueza termal apenas utilizada e de enorme relevancia nun contexto cunha poboación cada vez máis avellentada e cunha frecuencia cada vez maior de enfermidades crónicas”. Nesta liña, apunta que desde a Cátedra están a demandar a inclusión de alomenos algunhas das indicacións con evidencia científica da balneoterapia nas prestacións do Sistema Nacional de Saúde, ao mesmo nivel que noutros países da nosa contorna como Italia, Francia ou Alemaña.
