O balneario de Guitiriz aborda a Medicina de Estilo de Vida

10 de marzo de 2026.- A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, financiada por Turismo de Galicia, forma aos futuros médicos da comunidade na cura termal. No marco desta iniciativa, o balneario lucense de Guitiriz acolle esta fin de semana -13 e 14 de marzo- unhas xornadas centradas na denominada Medicina de Estilo de Vida. Un grupo de futuros facultativos da Universidade de Santiago coñecerán as posibilidades desta nova corrente da Medicina para tratar a pacientes con enfermidades crónicas.

O coordinador deste seminario é o doutor Antonio Freire Magariños, director médico do balneario de Guitiriz. Explica que a Medicina de Estilo de Vida é un novo campo da Medicina baseado na evidencia que cambia o modelo da práctica médica tradicional. Focaliza a súa atención na persoa, considerada como individuo único, para axudala a ter unha alimentación sa, unha boa calidade de sono e a desenvolver actividade física como rutina. Así mesmo, céntrase na eliminación dos malos hábitos sociais, os comportamentos nocivos e a redución do consumo de substancias tóxicas como o alcol, as drogas e o tabaco. “A finalidade é conseguir reducir a elevada prevalencia das enfermidades crónicas provocadas por un mal estilo de vida” -salienta o doutor-.

O experto pon de relevo que un dos principais propósitos dos centros termais é axudar aos pacientes a levar un estilo de vida saudable, controlando ademais trastornos como o estrés e a ansiedade. Destaca tamén a importancia de ter bos hábitos de comunicación e interacción social. Nesta liña, sinala que nos balnearios créanse psicogrupos con persoas que padecen as mesmas patoloxías, co fin de axudalas a conectar co problema que teñen en común. “Interactuar, realizar actividades sociais é un aspecto fundamental que repercute dunha maneira moi positiva na nosa saúde” -manifesta-. “Identificamos os problemas en particular, detectamos posibles carencias persoais e abordamos cada caso cun tratamento personalizado, a través de programas específicos de fomento de hábitos de vida saudables ” -apunta o doutor-. 

Dieta atlántica e augas termais, unha fórmula que suma saúde

As xornadas comezan este venres ás 16:00 horas. O doutor Antonio Freire afondará na Medicina de Estilo de Vida e na súa aplicación desde os centros termais. De seguido, os participantes terán unha sesión práctica sobre as diferentes técnicas balnearias. O sábado contarase coa intervención de Pablo García, farmacéutico experto en nutrición e lonxevidade, que abordará os beneficios da dieta atlántica e das augas termais para a saúde. Como colofón, o alumnado acudirá ás instalacións do balneario para poñer en práctica todo o aprendido.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , , ,