Balneario de Augas Santas.

O balneario de Augas Santas acolle unha sesión de Cátedra de Hidroloxía Médica centrada na hidrocinesiterapia

2 de marzo de 2026.- A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, financiada por Turismo de Galicia, forma aos futuros médicos da comunidade na cura termal. No marco desta iniciativa, o balneario de Augas Santas, situado na localidade lucense de Pantón, acolle esta fin de semana -6 e 7 de marzo- unhas xornadas centradas nos beneficios de realizar exercicio físico en piscinas termais. Un grupo de estudantes dos últimos cursos do Grao en Medicina da Universidade de Santiago coñecerán o valor terapéutico desta técnica, coñecida como hidrocinesiterapia, para abordar determinadas doenzas vencellas ao aparato locomotor.

O director médico do balneario de Augas Santas, o doutor Antonio Freire Magariños, explica que “a hidrocinesiterapia é unha terapia baseada na realización de exercicio dentro da auga, que se aplica en pacientes que teñen afectado o aparato locomotor, en particular os que sofren doenzas musculares e articulares”. Ademais, sinala que resulta moi beneficiosa para a rehabilitación de persoas con lesións de carácter neurolóxico.

A terapia debe repetirse cada seis ou nove meses

O doutor asegura que a hidrocinesiterapia en auga termal ofrece resultados moi positivos nas persoas que a practican, xa que combina as bondades da fisioterapia dentro da auga coas propiedades das aguas mineromedicinais. Sinala que cómpre recibir o tratamento durante alomenos unha semana, aínda que a pauta ideal aconsellada polos médicos é de dúas semanas. “Despois deste período, os pacientes observan unha melloría moi notable na súa saúde; en especial increméntase a súa flexibilidade e o movemento das articulacións, ao tempo que diminúe a dor e se reduce a inflamación asociada a estes procesos” -salienta o doutor-. Tamén apunta que a terapia debe repetirse cada seis ou noves meses, que é o tempo que duran os seus beneficios.

O doutor pon de relevo que este tipo de tratamento ten que ser prescrito sempre polo facultativo do balneario, logo dunha consulta inicial. E pode realizarse individualmente ou de maneira colectiva. Na terapia individualizada o fisioterapeuta somérxese co paciente na piscina e os exercicios lévanse a cabo de xeito personalizado. No caso das sesións en grupo, deséñanse unha serie de exercicios en función de cada patoloxía e os pacientes realizan na auga os movementos que o profesional lles vai indicando.

As xornadas comezan o venres ás 16:00 horas cunha sesión práctica nas piscinas do balneario, onde coñecerán as técnicas termais que se empregan para abordar doenzas diversas. De seguido, o doutor Magariños explicará aos futuros médicos o potencial da hidrocinesiterapia. O sábado pola mañá, xunto á fisioterapeuta do centro, Patricia López, o alumnado probará nas piscinas diferentes técnicas de balneación e desfrutarán de aplicacións a presión colectivas.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , , , , ,