9 de marzo de 2026.- A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, financiada por Turismo de Galicia, forma aos futuros médicos da comunidade na cura termal. Dentro desta iniciativa, o balneario ourensán de Laias acolle a vindeira fin de semana -13 e 14 de marzo- unhas xornadas centradas no valor terapéutico da balneoterapia para o tratamento de patoloxías reumáticas, respiratorias e dermatolóxicas. Un grupo de alumnos da Universidade de Santiago coñecerán a eficacia da balneoterapia para abordar este tipo de doenzas.
A coordinadora destas xornada é a doutora Dolores Fernández Marcos. É especialista en hidroloxía médica e directora médica de Caldaria, que aglutina os balnearios ourensáns de Arnoia, Laias e Lobios. Explica que o alumnado participante nesta experiencia terá a oportunidade de coñecer os últimos estudos científicos realizados en diferentes partes do mundo e que corroboran a eficacia terapéutica da balneoterapia para tratar determinadas enfermidades, en especial as de tipo crónico.
A doutora destaca en particular as novidades que achegan expertos médicos de Francia, Alemaña, de varios países do Leste e tamén especialistas do noso país en relación ás indicacións da Medicina Termal para facer fronte a enfermidades reumatolóxicas como a patoloxía reumática dexenerativa, a artrose, a artrite, a dor crónica da columna vertebral, lumbalxias ou cervicalxias; tamén doenzas respiratorias como a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC) e a asma; ou problemas dermatolóxicos como a psoríase, eccemas ou a dermatite atópica.
Enfermidades e trastornos que se prolongan no tempo
“Tamén se pretende achegar ao futuro médico como nun balneario dotado dos perfís profesionais adecuados se pode contribuír a mellorar a calidade de vida de pacientes con enfermidades crónicas que teñen outras necesidades secundarias ao problema principal, como é o caso dos trastornos de ansiedade, depresión ou estrés que se prolongan no tempo ou os pacientes oncolóxicos”.
-salienta a experta-
A doutora Fernández Marcos pon de relevo que “a Medicina Termal é unha disciplina máis complexa que a cura termal. E nalgúns países como Francia ou Italia, que a teñen integrada no seu sistema sanitario, é un complemento aos tratamentos farmacolóxicos, cirúrxicos e psicoterapéuticos dos pacientes”. Nesta liña, manifesta que “a través destes seminarios da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia buscamos achegar unha visión veraz da hidroloxía médica aos futuros profesionais e que contribúa a axudar aos seus pacientes”.
No transcurso das xornadas, o alumnado dos últimos cursos do Grao en Medicina da Universidade de Santiago coñecerán as bondades das das augas mineromedicinais da nosa comunidade, tendo en conta as evidencias científicas máis recentes. A modo de exemplo, a doutora Fernández Marcos sinala que no caso da artrose lógrase aumentar a mobilidade dos pacientes e reducir a dor, coa consecuente melloría da súa funcionalidade e calidade de vida.
Os balnearios como servizos sociosanitarios
As xornadas comezan este venres ás 16:30 horas. A doutora Fernández Marcos explicaralles aos participantes as principais indicacións terapéuticas da balneoterapia en relación a enfermidades reumáticas, respiratorias e da pel. De seguido, terán unha sesión práctica sobre a aplicación das diferentes técnicas co fisioterapeuta do centro, Kamil Brzcenziski. Na xornada do sábado, o alumnado achegarase ao valor dos balnearios como servizos sociosanitarios.
