Os futuros médicos galegos afondan na balneoterapia como alternativa eficaz para tratar trastornos ansiosos e depresivos e doenzas crónicas

A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia traballa na inclusión da cura termal no Sistema Nacional de Saúde e na implantación da historia clínica electrónica nos balnearios da comunidade.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2026 (Vía Láctea Comunicación).- A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia leva dezaseis anos formando a futuros facultativos da nosa comunidade no eido  da cura termal. Ademais, difunde entre a sociedade o valor actual das augas mineromedicinais na prevención e tratamento de certas enfermidades, en particular das crónicas. Está financiada pola Axencia de Turismo de Galicia.

Esta semana comezou o “Curso de iniciación á balneoterapia”, dirixido ao alumnado dos últimos anos do Grao en Medicina. Ao longo desta experiencia, que se está a celebrar no edificio docente Roberto Novoa Santos da Universidade de Santiago, terán a oportunidade de coñecer, da man dos directores médicos de balnearios galegos, as principais indicacións terapéuticas das augas mineromedicinais, as posibilidades que ofrecen na prevención de diversas enfermidades e as técnicas termais que se aplican na actualidade. “Achegaranse á eficacia da balneoterapia no tratamento dos problemas respiratorios, dos trastornos ansiosos e depresivos, da fibromialxia, das doenzas da pel, das enfermidades reumáticas e das doenzas vasculares crónicas, así como a súa aplicación nas persoas maiores” -explica o director da Cátedra, o doutor Juan Gestal Otero-. 

Os participantes neste curso poderán asistir ademais ás sesións en centros termais que a Cátedra vai organizar nos meses de marzo e abril, en particular nos balnearios de Augas Santas, Laias, Guitiriz, Compostela, Mondariz e Termas Romanas de Lugo. “Serán xornadas teórico-prácticas para achegar aos estudantes as aplicacións da balneoterapia en doenzas como a psoríase, as enfermidades reumáticas, na recuperación funcional, o envellecemento saudable e o benestar” -sinala o doutor Gestal-. 

A importancia de que os médicos coñezan o valor terapéutico das augas 

A Cátedra continúa coa distribución do “Vademécum das augas mineromedicinais de Galicia” a todos os MIR que inician a súa formación de Galicia nas especialidades de reumatoloxía, traumatoloxía, pneumoloxía, dermatoloxía, rehabilitación, pediatría e medicina familiar e comunitaria. A finalidade é que coñezan o valor terapéutico dos diferentes tipos de augas mineromedicinais que hai na nosa comunidade. Nesta liña, a Cátedra está a traballar nunha folla de ruta para lograr a inclusión da cura termal no Sistema Nacional de Saúde. Ademais, estase a avanzar cos directores médicos dos balnearios galegos na unificación dos protocolos terapéuticos nos centros termais de cara á implantación da historia clínica electrónica.

Entre as actividades programadas pola Cátedra para este ano destaca a súa participación en Termatalia, a Feria Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar. Continuará co ciclo “A saúde é o que importa” en Santiago e Ourense, unha iniciativa na que se conta con expertos médicos en diferentes eidos para difundir entre a sociedade as potencialidades da cura balnearia. Manterá ademais a súa colaboración co IV Ciclo da Universidade de Santiago, a través dun seminario centrado nas principais indicacións actuais da balneoterapia.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , ,