Presentación do acto do 40 aniversario.

Balnearios de Galicia celebra o seu 40 aniversario poñendo de relevo que na nosa comunidade o termalismo é “un sector industrial con clara vocación de futuro

A Asociación de Balnearios de Galicia, en colaboración con Turismo de Galicia, celebrou o acto conmemorativo do seu 40 aniversario na facultade de Medicina da Universidade de Santiago. Contouse coa asistencia do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; a presidenta da Asociación, María Soledad Espiño; o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; e o decano da facultade de Medicina, José Carreira.

No transcurso do evento, ao que acudiron representantes dos balnearios galegos, participou o secretario xeral de Termas de Portugal, João Pinto, que impartiu unha conferencia sobre o futuro do termalismo. Ademais, tivo lugar unha mesa redonda con profesionais dos ámbitos da saúde, a minería e as políticas sociais vencellados ao sector do termalismo na nosa comunidade: Rosa Meijide, catedrática da Universidade da Coruña e experta en hidroloxía médica; o enxeñeiro de Minas Luis García; e Eduardo González, técnico do Sergas.

María Soledad Espiño salientou que “o renacemento e popularización do termalismo galego nos últimos anos radica na calidade e variedade das nosas augas mineromedicinais, nunhas modernas instalacións e na garantía que supón para os usuarios a suxeición a unha estrita normativa”. Nesta liña, manifestou que “en Galicia as empresas vencelladas ao termalismo, e en particular as empresas balnearias, constitúen un sector industrial cunha clara vocación de futuro”.

Retos de futuro: envellecemento da poboación, saúde mental e aplicación da intelixencia artificial

Un dos principais esforzos da Asociación enfócase a lograr a inclusión da balneoterapia na carteira de servizos do sistema público de saúde. “De acadarse este obxectivo, sería de gran valor para o conxunto da sociedade: a Administración podería reducir o gasto sanitario e farmacolóxico, os pacientes afectados de determinados problemas crónicos ou en fase de rehabilitación lograrían mellorar a súa calidade de vida, os establecementos termais situaríanse ao mesmo nivel que os europeos, e nas comarcas nas que se atopan produciríase un importante efecto dinamizador. De feito, a Organización Mundial da Saúde recoñece o uso de augas mineromedicinais como terapia médica desde o ano 1986, hai xa corenta anos” -declarou a presidenta-.

Durante o encontro púxose de relevo que un dos principais desafíos do sector é o envellecemento da poboación, que abre espazo para que o termalismo reforce o seu papel na prevención e o envellecemento saudable, reducindo presión sobre os sistemas públicos de saúde. “Por outro lado, estamos a ver unha crecente demanda vencellada á saúde mental, que a OMS xa define como a `pandemia silenciosa´ do século XXI. O estrés, a ansiedade e o esgotamento son problemas reais, e os destinos termais, pola súa contorna natural, o seu compoñente terapéutico e o seu ritmo pausado, ofrecen un marco idóneo para a recuperación emocional e o benestar psicolóxico” -destacaron os expertos-.

Os participantes salientaron ademais que “os novos clientes esperan experiencias deseñadas a medida, que combinen benestar físico, equilibrio emocional e resultados medibles. Aquí a tecnoloxía, e especialmente a intelixencia artificial, está a empezar a transformar o sector: permite adaptar programas, monitorizar indicadores de saúde e ofrecer recomendacións individualizadas, algo impensable hai poucos anos”.

A oportunidade da cooperación Galicia-Norte de Portugal

Por outro lado, a Asociación amosou o seu interese en cooperar co norte de Portugal, onde tamén hai un importante número de balnearios, co fin de impulsar a eurorrexión como un dos destinos termais europeos de referencia. En relación a este aspecto, o secretario xeral de Termas de Portugal, João Pinto, destacou que “Galicia e o norte de Portugal teñen a oportunidade de crear un ecosistema transfronteirizo de innovación en saúde e benestar que combine recursos naturais e coñecemento científico. Podemos colaborar no desenvolvemento de proxectos de investigación conxuntos sobre os beneficios terapéuticos das augas termais. Tamén existe un gran potencial en formación e capacitación de talento, con programas comúns para profesionais. Esta alianza pode converter o eixo Galicia-Norte de Portugal nun referente en saúde preventiva, lonxevidade con calidade de vida e benestar sustentable, reforzando o papel do termalismo como ferramenta de desenvolvemento e cohesión territorial”.

Homenaxe ao doutor Juan Gestal, un “influencer” da sanidade 

Durante o acto fíxose entrega da Medalla da Asociación ao doutor Juan Gestal, director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia. A entidade recoñece así o impulso do homenaxeado á balneoterapia como instrumento de saúde, exercendo como “un defensor incansable dos beneficios terapéuticos das nosas augas mineromedicinais”. O doutor manifestou o seu “enorme agradecemento por esta importante distinción”. No seu discurso tivo “un agarimoso recordo” para o doutor Luís Rodríguez Miguez, finado hai dez anos, “tamén Medalla dos Balnearios de Galicia e que tanto fixo pola promoción da balneoterapia na nosa comunidade. A el debemos a iniciativa da creación da Cátedra, que naceu para impartir docencia aos alumnos de Medicina, promover o coñecemento e o uso racional das augas mineromedicinais entre a poboación e os profesionais sanitarios de Galicia, e impulsar a investigación no campo da hidroloxía médica”. Tamén agradeceu aos directores médicos e aos propietarios dos balnearios galegos a súa colaboración coa Cátedra durante todos estes anos.

Acto de entrega da Medalla da Asociación ao doutor Juan Gestal.
Acto de entrega da Medalla da Asociación ao doutor Juan Gestal.

O encargado de pronunciar a laudatio do doutor Gestal foi o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices. Referiuse ao que foi o seu profesor na facultade de Medicina da USC como “un referente en saúde pública a nivel mundial”, e “un dos profesionais máis entregados ao longo de toda a súa vida á defensa e promoción das propiedades terapéuticas do que, xunto co Camiño de Santiago e desde a antigüidade, é un dos nosos principais vectores de desenvolvemento e de atractivo turístico, as nosas augas mineromedicinais”. Manifestou así mesmo que “a súa incansable actividade investigadora e divulgadora convérteno nun destacado influencer”.

Categorías: Notas de prensa | Etiquetas: , ,