Con motivo desta efeméride, vaise celebrar un acto o vindeiro sábado, 22 de novembro, na facultade de Medicina da Universidade de Santiago, coa colaboración de Turismo de Galicia.
O xerente da Asociación, Benigno Amor, relata que “logo dunha época de crise trala Guerra Civil, en 1985 un grupo de dez empresarios do sector termal reuniuse na illa da Toxa e desa xuntanza xurdiu a Asociación, a segunda autonómica que se creaba en España logo da catalá”. Lembra que “daquela, a maioría dos balnearios abrían só tres ou catro meses ao ano, permanecían pechados no inverno, o que supoñía grandes custos de posta a punto na súa reapertura, así como a aprendizaxe constante do persoal”.
A profesionalidade dos seus servizos médicos, xunto a novas técnicas e modernos tratamentos para aproveitar os beneficios das augas, converteron os balnearios galegos en complexos de saúde referentes no eido nacional.
Benigno Amor
Amor apunta que a situación empezou a mudar na década dos 90, xa que, como resultado do esforzo dos investidores privados, das axudas da Xunta de Galicia e da asunción por parte da Comunidade Autónoma de Galicia de competencias propias en materia de augas mineirais e termais, os balnearios lanzáronse á reforma e á ampliación das súas instalacións, tanto hostaleiras como termais, ao tempo que se construíron novos establecementos. “A profesionalidade dos seus servizos médicos, xunto a novas técnicas e modernos tratamentos para aproveitar os beneficios das augas, converteron os balnearios galegos en complexos de saúde referentes no eido nacional” -salienta-.
Galicia é unha das rexións termais máis importantes de Europa
“A Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal é unha das rexións europeas con maior riqueza en augas minerais e termais e, en consecuencia, con maior tradición no seu uso como augas de bebida envasada e en balnearios. Por iso, e para dotar de maior valor esta riqueza, non só se traballou na modernización das instalacións, senón tamén na divulgación deste ben e na investigación científica, co fin de avanzar tanto na súa vertente de lecer e turismo como na sanitaria” -manifesta Amor-.
O xerente pon de relevo que “na actualidade podemos presumir de que a oferta termal galega, líder en España, constitúe un patrimonio de Galicia de gran potencial para mellorar a saúde da poboación e atraer turismo sanitario doutras comunidades e tamén internacional”. Nesta liña, destaca a colaboración da Asociación co Programa Benestar en Balnearios da Xunta de Galicia; xunto á posta en marcha de iniciativas como “Un descanso nos Camiños”, destinada a promocionar os balnearios galegos a través do Camiño de Santiago.
18 balnearios das catro provincias

Na actualidade a Asociación de Balnearios de Galicia está integrada por un total de 18 balnearios, que representan o 86% do sector da nosa comunidade e xeran no seu conxunto 1200 empregos directos e 5000 indirectos. Na provincia da Coruña atópanse o de Carballo e o de Compostela (Brión). En Lugo están os de Augas Santas (Pantón), Guitiriz e Lugo-Termas Romanas. Na de Ourense localízanse os de Arnoia, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño). E en Pontevedra sitúanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e o balneario de Mondariz.
Galicia é a comunidade autónoma líder en oferta termal, aglutinando o 18% dos balnearios nacionais, seguida de Cataluña, Aragón e Andalucía. Ademais, nos últimos anos incrementouse considerablemente o número de prazas hoteleiras destes establecementos, duplicándose con respecto ao ano 2000. Os 18 balnearios que forman parte da Asociación ofrecen preto de 3000 prazas hoteleiras, máis do 70% das cales son de 4 ou 5 estrelas.
O labor vixiante da súa contorna para evitar a contaminación dos acuíferos, confire aos balnearios un carácter de modelo de empresa responsable co desenvolvemento sostible.
Benigno Amor
Os balnearios como dinamizadores socioeconómicos do rural galego
En Galicia os balnearios están situados principalmente en comarcas do interior, onde desenvolven unha importante función como dinamizadores das economías locais e comarcais. Trátase na súa maioría de zonas rurais con tendencias similares: despoboamento, baixa renda per cápita e presenza dunha estrutura produtiva con predominio do sector primario. “Esta función dinamizadora, unida ao labor vixiante da súa contorna para evitar a contaminación dos acuíferos, confire aos balnearios un carácter de modelo de empresa responsable co desenvolvemento sostible: empregan o recurso sen comprometer o seu futuro, crean emprego e riqueza, axudan a fixar poboación e melloran a calidade de vida das persoas” -manifesta Amor-.
