Xente nun balneario

O ciclo “A saúde é o que importa” aborda os beneficios da terapia termal nas patoloxías musculoesqueléticas, otorrinas e no envellecemento saudable

Baixo o título “A saúde é o que importa”, a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, que conta co apoio de Turismo de Galicia, promove un ciclo destinado a difundir entre a sociedade o valor terapéutico actual das augas mineromedicinais. Esta tarde, a partir das 19:30 h, celebrarase unha nova sesión no salón Rahid do compostelán Hotel Araguaney, con entrada libre ata completar aforo. Abordaranse as indicacións da cura termal para o tratamento de patoloxías otorrinolaringolóxicas, musculoesqueléticas e como terapia para favorecer o envellecemento saudable. Os expertos participantes manterán un coloquio posterior co público asistente.

Os beneficios da cura termal nas patoloxías musculoesqueléticas

Cartel do ciclo "A saúde é o que importa" da edición de 2025.
Cartel de “A saúde é o que importa”.

O doutor José Ramón Caeiro, xefe do Servizo de Traumatoloxía do CHUS, centrarase nos beneficios da balneoterapia para abordar as patoloxías musculoesqueléticas. Manifesta que representa “un bo tratamento complementario, principalmente no caso das doenzas dexenerativas articulares como a artrose de xeonllo e de man ou da columna lumbar; das lesións traumáticas acumulativas, que son as que se desenvolven co tempo debido á repetición de movementos ou esforzos como as lesións de espalda ou a síndrome miofascial; ou da artrite reumatoide, entre outras. Tamén resulta moi efectiva en pacientes con fibromialxia e para a rehabilitación de certo tipo de lesións deportivas”.

O especialista apunta que nestes pacientes a cura termal logra aliviar a dor, aumentar a potencia muscular e mellorar o rango de movemento articular. Indica que aínda que en xeral estes efectos aparecen a curto prazo, no caso da dor lumbar crónica e da artrose de xeonllo requírense tratamentos de entre 6 e 9 meses. En relación á dor lumbar crónica e á fibromialxia, asegura que “os pacientes con este tipo de patoloxías logran coa hidroterapia unha mellora significativa da dor -coa consecuente redución do consumo de analxésicos e/ou antinflamatorios, relaxantes musculares e antidepresivos-, da capacidade funcional e, sobre todo, da calidade de vida percibida en comparación coa fisioterapia estándar.

O tratamento de rinites, sinusites, otites e doenzas crónicas da farinxe 

O doutor Andrés Soto Varela é xefe do Servizo de Otorrinolaringoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). En relación a estas patoloxías, afirma que “a balneoterapia ten un papel relevante como tratamento complementario de varias enfermidades que teñen a súa orixe na vía aérea superior, é dicir, nas fosas nasais e seos paranasais, na farinxe ou na larinxe; e tanto en adultos como en nenos”.

O experto explica que a indicación de realizar lavados das fosas nasais con auga de mar ou con soro fisiolóxico forma parte do día a día do tratamento de varias destas doenzas. “Ademais do efecto directo de limpeza e arrastre mecánico de secrecións, os lavados con líquidos que teñen unha concentración de sales minerais similares á do sangue melloran o funcionamento da mucosa do nariz e dos seos paranasais, permitindo unha mellor respiración a través das fosas nasais e unha menor produción de moco. Por tanto, o uso de augas con propiedades mineromedicinais cando menos igualará a efectividade destes lavados con soro fisiolóxico, aumentando en moitas ocasións a súa eficacia. De feito, os tratamentos para as enfermidades das vías respiratorias representan entre o 9 e o 21% de todos os tratamentos de balneoterapia” -apunta-.

“No caso das doenzas otorrinolaringolóxicas, a utilización de augas mineromedicinais é un tratamento complementario do farmacolóxico e/ou cirúrxico. Os baños, irrigacións e duchas nasais son útiles para axudar á resolución das infeccións dos seos paranasais (as sinusites), no manexo de pacientes con rinites crónicas e tamén na recuperación postoperatoria dalgunhas cirurxías rinosinusais” -asegura o doutor-. 

O doutor sinala que estes lavados nasais son beneficiosos tamén como complemento ao tratamento dalgúns tipos de otite media. Así mesmo, destaca que son moi efectivos os gargarismos e as pulverizacións no caso das doenzas crónicas da farinxe. “O contacto directo da auga mineromedicinal coas paredes da farinxe e das amígdalas axuda a eliminar secrecións e a limpar residuos introducidos nas criptas amigdalares” -indica-.

Dr. Gestal: “Debemos promover un envellecemento saudable”

O director da Cátedra, o Dr. Juan Gestal, afondará nos efectos positivos dos centros termais no envellecemento saudable. Indica que o incremento da esperanza de vida conleva o aumento das persoas de maior idade e o predominio de enfermidades crónicas e incapacidade. Salienta que “vivimos máis anos, pero o importante é vivilos en boa saúde. Para iso necesitamos cambiar a visión convencional do envellecemento como sinónimo de fraxilidade, enfermidades crónicas e dependencia, e poñer os medios para que a nosa capacidade física, emocional e intelectual sexa elevada neses anos”.

“Debemos promover un envellecemento saudable. Para logralo é crucial fomentar bos hábitos e exercicio físico para manter a capacidade funcional dos órganos e favorecer a autonomía, xunto con intervencións preventivas fronte ás enfermidades crónicas e do envellecemento”.

-apunta o doutor-

Nesta liña, pon de relevo que “os balnearios, ademais dos aspectos beneficiosos da cura balnearia, achegan unha vida regulada (repouso, alimentación saudable), exercicio físico e relacións interpersoais. Son lugares moi adecuados para realizar intervencións preventivas fronte a enfermidades crónicas (reumatismos, EPOC, trastornos vasculares…) e do envellecemento (accidente cerebrovascular, párkinson, alzhéimer e outras demencias…)”.

“Hoxe dispomos de moitas evidencias científicas da eficacia da cura balnearia en patoloxías reumáticas, respiratorias, otorrinolaringolóxicas, da pel, vasculares crónicas, metabólicas, afeccións ligadas á tensión, xunto á prevención da dependencia” -manifesta-. Ademais, destaca que nos balnearios realízase un diagnóstico da situación de fraxilidade e establécense as medidas para evitala ou limitar a súa progresión; diagnostícanse os trastornos cognitivos; limítanse os síntomas de enfermidades crónicas, especialmente a dor; e lévase a cabo unha reeducación orientada á recuperación de secuelas de afeccións neurolóxicas crónicas como dores, espasticidade, alteracións do equilibrio…

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , , , ,