Balneario de Guitiriz.

A Medicina de Estilo de Vida centra unha xornada da Cátedra de Hidroloxía Médica no balneario de Guitiriz

Hai unha elevada prevalencia das enfermidades crónicas provocadas por un mal estilo de vida

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2025.- No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia -que conta co apoio de Turismo de Galicia-, o balneario lucense de Guitiriz acolle esta fin de semana -28 e 29 de marzo- unhas xornadas centradas na denominada Medicina de Estilo de Vida. Un grupo de futuros facultativos da Universidade de Santiago, que se están a formar na cura termal, coñecerán o valor desta nova corrente da Medicina para tratar a pacientes con enfermidades crónicas.

O coordinador deste seminario é o doutor Antonio Freire Magariños. Explica que a Medicina de Estilo de Vida é un novo campo da Medicina baseado na evidencia que cambia o modelo da práctica médica tradicional. Focaliza a súa atención na persoa considerada como individuo único, para axudala a levar unha boa alimentación, á realización de actividade física e a durmir ben. Así mesmo, céntrase na eliminación dos malos hábitos sociais, os comportamentos nocivos e a redución do consumo de substancias tóxicas como o alcol, as drogas e o tabaco. “A finalidade é conseguir deste xeito reducir a elevada prevalencia das enfermidades crónicas provocadas por un mal estilo de vida” -salienta o doutor-.

O experto pon de relevo que un dos principais propósitos dos centros termais é axudar aos pacientes a levar un estilo de vida saudable, controlando ademais trastornos como o estrés e a ansiedade. Destaca tamén a importancia de ter bos hábitos de comunicación e interacción social. Nesta liña, sinala que nos balnearios créanse psicogrupos con persoas que padecen as mesmas patoloxías, co fin de axudalas a conectar co problema que teñen en común. “Interactuar, realizar actividades sociais é un aspecto fundamental que repercute dunha maneira moi positiva na nosa saúde” -manifesta-. “Identificamos os problemas en particular, detectamos posibles carencias persoais e abordamos cada caso cun tratamento personalizado a través de programas específicos de fomento de hábitos de vida saudables ” -apunta o doutor-.

A Medicina de Estilo de Vida

As xornadas comezan este venres ás 16:00 horas. A doutora Magdalena Pereiro, experta en hidroloxía, abordará o termalismo e a medicina estética. De seguido, os participantes terán unha sesión práctica sobre as diferentes técnicas balnearias. Na xornada do sábado, o doutor Freire afondará na Medicina de Estilo de Vida e na súa aplicación desde os centros termais. Como colofón, o alumnado terá a oportunidade de realizar exercicios nas piscinas.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , , , , , , , ,