A eficacia terapéutica das augas mineromedicinais para tratar problemas de saúde como a depresión

A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia celebra unha sesión no Balneario de Laias

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2025.- No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia -que conta co apoio de Turismo de Galicia-, o balneario ourensán de Laias acolle a vindeira fin de semana -21 e 22 de marzo- unhas xornadas centradas no valor terapéutico da balneoterapia para o tratamento de patoloxías reumáticas, respiratorias e dermatolóxicas. Un grupo de futuros facultativos da Universidade de Santiago, que se están a formar na cura termal, coñecerán o valor da hidroloxía médica para abordar este tipo de doenzas. 

A coordinadora deste seminario é a doutora Dolores Fernández Marcos. É especialista en hidroloxía médica e directora médica de Caldaria, que aglutina os balnearios ourensáns de Arnoia, Laias e Lobios. Explica que o alumnado participante nestas xornadas terá a oportunidade de coñecer os últimos estudos científicos levados a cabo en diferentes partes do mundo e que corroboran a eficacia terapéutica da balneoterapia para tratar determinadas enfermidades, en especial as crónicas.

A doutora destaca en particular as novidades que achegan expertos médicos de Francia, Alemaña, de varios países do Leste e tamén especialistas do noso país en relación ás indicacións da Medicina Termal para tratar enfermidades reumatolóxicas como a patoloxía reumática dexenerativa, a artrose, a artrite, a dor crónica da columna vertebral, lumbalxias, cervicalxias; tamén doenzas respiratorias crónicas como a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC) e a asma; ou problemas dermatolóxicos como a psoríase, eccemas ou a dermatite atópica.

Mellorar a calidade de vida de pacientes con trastornos de ansiedade, depresión ou estrés que se prolongan no tempo e aos pacientes oncolóxicos

“Tamén se pretende achegar ao futuro médico como nun balneario dotado dos perfís profesionais adecuados se pode contribuír a mellorar a calidade de vida de pacientes con enfermidades crónicas que teñen outras necesidades secundarias ao problema principal, como é o caso dos trastornos de ansiedade, depresión ou estrés que se prolongan no tempo ou os pacientes oncolóxicos”. 

-salienta a experta-

A doutora Fernández Marcos pon de relevo que “a Medicina Termal é unha disciplina máis complexa que a cura termal. E nalgúns países como Francia ou Italia, que a teñen integrada no seu sistema sanitario, é un complemento aos tratamentos farmacolóxicos, cirúrxicos e psicoterapéuticos dos pacientes”. Nesta liña, manifesta que “a través destes seminarios da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia buscamos achegar unha visión veraz da hidroloxía médica aos futuros profesionais e que contribúa a axudar aos seus pacientes”.

No transcurso das xornadas, o alumnado dos últimos cursos do Grao en Medicina da Universidade de Santiago coñecerán para que son boas as augas mineromedicinais da nosa comunidade, tendo en conta as evidencias científicas máis recentes. A modo de exemplo, a doutora Fernández Marcos sinala que no caso da artrose lógrase aumentar a mobilidade dos pacientes e reducir a dor, coa consecuente mellora da súa funcionalidade e calidade de vida.

Os balnearios como centros de saúde

As xornadas comezan este venres ás 16:30 horas. A doutora Fernández Marcos explicaralles aos participantes as principais indicacións terapéuticas da balneoterapia en relación a enfermidades reumáticas, respiratorias e da pel. De seguido, terán unha sesión práctica sobre as diferentes técnicas balnearias co fisioterapeuta de Laias, Kamil Brzcenziski. Na xornada do sábado, o alumnado centrarase no valor das instalacións termais como centros de saúde.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , , , , , , , , ,