Enxeñeiros de Minas consideran que a Administración debe realizar un rexistro da xeotermia e de todas as actividades que impliquen o aproveitamento da auga e poidan poñer en risco os acuíferos
Unha xornada, promovida pola Asociación de Balnearios de Galicia, abordou esta mañá a conservación e xestión sustentable das augas mineromedicinais na nosa comunidade
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2014 (Vía Láctea Comunicación).- A Asociación de Balnearios de Galicia, en colaboración coa Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas da Consellería de Economía e Industria, celebrou esta mañá unha xornada centrada na conservación e xestión sustentable das augas mineromedicinais na nosa comunidade. Tivo lugar no Balneario de Compostela, en Brión. Na apertura do acto estiveron a presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, Soledad Espiño; a directora da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Arantxa Prado; e o director xeral de Planificación Estratéxica e Minas da Consellería de Economía e Industria, Pablo Fernández.
O perímetro de protección das augas minerais, ferramenta clave para preservar a integridade das augas
No transcurso do evento, participou Diego Casal, subdirector xeral de Recursos Minerais da Consellería de Economía e Industria, que abordou o valor das augas mineromedicinais e termais en Galicia. Pola súa parte, a avogada Carmen Abuín afondou nos perímetros de protección das augas minerais. Salientou que “o uso e aproveitamento das augas por parte dos balnearios e das envasadoras de auga mineral en Galicia dá lugar a unha industria que é un exemplo de sostibilidade, posto que a súa viabilidade depende da protección da auga como recurso natural, o que fai que dediquen importantes esforzos á conservación do recurso. Son modelos de empresas sostibles cun grande arraigamento territorial, que ademais xeran emprego na comunidade”.
A experta puxo de relevo a importancia dos perímetros de protección das augas minerais como “ferramenta clave para preservar a integridade das augas”. Este perímetro, establecido pola lei, limita as actividades que se poden desenvolver na zona polo seu posible risco de afectación ao acuífero.
A importancia de protexer os acuíferos
O doutor enxeñeiro de Minas da Universidade de Vigo Luis Miguel Gálvez centrouse na xestión sostible dos acuíferos de augas minerais, afondando tanto nos riscos aos que están sometidos como á importancia da súa preservación. Referiuse ás accións humanas que poden poñer en perigo e contaminar as captacións de auga dos balnearios e das envasadoras, captacións que na súa maioría teñen a súa orixe na época romana. Sinalou que esta contaminación pode deberse a verteduras de hidrocarburos, de augas residuais, procedentes de actividades agropecuarias… Tamén fixo referencia ao risco de sobreexplotación da auga, tanto para consumo como para as diferentes actividades, de xeito que as captacións subterráneas son cada vez máis profundas, coa consecuente merma tanto da cantidade como da calidade da auga.
Ademais, nos lugares próximos á costa, os acuíferos poden contaminarse coa auga do mar, que se vai filtrando cando os pozos se sobreexplotan, posto que -tal como explicou o enxeñeiro- o excesivo bombeo de auga doce deixa espazo para a auga submariña. “Aínda que en Galicia non hai evidencias desta circunstancia, en caso de darse, o problema sería irreversible porque a auga salina non pode volver ao mar” -apuntou o experto da Universidade de Vigo-.
O caso das augas termais
Luis Miguel Gálvez incidiu no caso dos mananciais termais, cuxa auga se ve afectada pola perda de temperatura debido á explotación de pozos. En relación a este aspecto, salientou que cada vez son máis as vivendas que optan pola xeotermia como fonte de enerxía, aproveitando a calor da auga. En función da cantidade auga que se capta, réstaselle temperatura a esas augas termais. Para facer fronte a esta ameaza, considera que os establecementos balnearios deben realizar un control periódico da temperatura da auga. Pola súa parte, manifestou que a Administración debe facer un seguimento e rexistro da xeotermia e de todas as actividades humanas que impliquen o aproveitamento e explotación da auga e que poidan poñer en risco os acuíferos. “Precísase unha política ambiental máis respectuosa coa auga. Debemos tomar conciencia da importancia deste recurso” -declarou-.
Na súa intervención, o experto deixou patente que “os pozos e captacións de auga deben estar controlados e rexistrados, é importante que estean legalizados para evitar problemas. Antes facíanse a 20 ou 30 metros de profundidade, mentres que na actualidade alcanzan os 100 metros. Deste xeito, se temos un pozo antigo e abren un novo ao lado, provócase a perda de auga do pozo pequeno, que, se non está legalizado, non pode reclamar”. Así, remarcou que os perímetros de protección controlan se se poden abrir novos pozos e en que condicións se debe facer. “A Administración debería ser máis esixente porque a auga é un servizo público e cómpre velar polo seu futuro” -concluíu-.
Mesa redonda con expertos en augas
A xornada rematou cunha mesa redonda -moderada polo xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor– e posterior debate co público asistente. Participaron o presidente da Asociación de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural – AGAMIN, Álvaro García de Quevedo; o subdirector xeral de Recursos Minerais, Diego Casal; o catedrático da área de Enxeñaría do Terreo e investigador do Grupo de Enxeñaría da Auga da Universidade da Coruña, Ricardo Juncosa; e o enxeñeiro de Minas Luis Miguel Gálvez.