O ciclo “A saúde é o que importa” destaca o beneficios da balneoterapia para tratar a pacientes con dor lumbar

É a segunda causa de consulta médica despois da gripe e a primeira de absentismo laboral, afectando a entre o 70 e o 85% da poboación activa

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2024 (Vía Láctea Comunicación).- Baixo o título “A saúde é o que importa”, a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia promove un ciclo destinado a difundir entre a sociedade o valor terapéutico actual das augas mineromedicinais. Esta iniciativa cumpre a súa 6ª edición.

A segunda sesión deste ano celebrouse no salón Rahid do compostelán Hotel Araguaney. Abordáronse as indicacións actuais da cura termal para o tratamento de patoloxías músculo-esqueléticas e reumáticas, nunha mesa redonda moderada polo director da Cátedra, o doutor Juan Gestal. Os expertos participantes mantiveron un coloquio posterior co público e proxectouse ademais o documental “A balneoterapia na patoloxía músculo-esquelética”. Os asistentes ao encontro recibiron un exemplar do libro “Balnearios en los Caminos de Santiago en Galicia”, editado pola Cátedra de Hidroloxía.

Dr. Pino.

“O exercicio terapéutico en augas termais é un método seguro e eficaz para mellorar a pacientes con dor lumbar crónica”

Dr. Jesús Pino

O doutor Jesús Pino Mínguez é profesor da Universidade de Santiago e especialista en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). Afondou nos beneficios terapéuticos da cura termal para facer fronte ás doenzas musculoesqueléticas.

O especialista pon de relevo que a patoloxía musculoesquelética está a ter moita prevalencia na actualidade. Segundo os seus datos, estímase que entre o 70 e o 85% da poboación activa tivo un episodio de dor lumbar que restrinxiu a súa actividade física, afectando á súa actividade laboral e á súa calidade de vida. Tal como salienta, “a dor vertebral é a segunda causa de consulta médica despois da gripe, sendo a primeira causa de absentismo laboral”. Indica que “xunto aos clásicos tratamentos para esta patoloxía como son os fármacos, a cirurxía ou a rehabilitación, a balneoterapia está a ser de grande utilidade como tratamento coadxuvante, destacando así mesmo a ausencia de efectos secundarios”.

“A eficacia da balneoterapia na patoloxía muscoloesquelética está a ser avalada na actualidade por unha importante cantidade de ensaios clínicos e publicacións científicas, de xeito que entre a comunidade científica existe un amplo consenso respecto á efectividade das augas mineromedicinais nesta especialidade médica” -declara o doutor Pino-. Sinala que, no caso particular da lumbalxia, “as augas termais favorecen o equilibrio do paciente. Ademais, a mellora que aporta a flotabilidade e a temperatura das augas, favorece unha melloría na carga hidrostática que soportan os discos intervertebrais. E, polo seu efecto relaxante sobre a musculatura paravertebral, a balneoterapia achega efectos terapéuticos beneficiosos sobre este cadro doloroso”. Nesta liña, o experto manifesta que “o exercicio terapéutico en augas termais pode ser un método seguro e eficaz para mellorar a pacientes con dor lumbar crónica”.

Dr. Figueroa

“A balneoterapia mellora a funcionalidade e a calidade de vida dos pacientes con procesos dolorosos do aparato locomotor”

Dr. Jesús Figueroa

O doutor Jesús Figueroa Rodríguez é profesor da Universidade de Santiago e xefe do Servizo de Rehabilitación do CHUS. Na súa intervención centrouse nas patoloxías reumáticas. En relación a estas doenzas, salienta que “non cabe dúbida de que a balneoterapia constitúe un tratamento coadxuvante ideal para a abordaxe de moitos procesos dolorosos do aparato locomotor, en particular nos procesos dexenerativos articulares como artroses de xeonllo, cadeira, lumbar…; reumatismos inflamatorios crónicos ou de partes brandas como a fibromialxia”.

O especialista indica que “tense demostrado que nestas patoloxías a balneoterapia mellora aspectos como a percepción da dor, a rixidez articular, o ton muscular e, en definitiva, a funcionalidade e a calidade de vida dos pacientes”.

Segundo o doutor, “no caso particular das persoas que padecen osteoartrite de xeonllo, que é a doenza dexenerativa máis común dos xeonllos, tense comprobado que o tratamento combinado de terapia termal con fármacos e exercicios de rehabilitación ofrece resultados moi favorables e sen efectos secundarios. Ademais, a aplicación de peloides ou barros termais axuda a diminuír a dor, reducindo o consumo de medicamentos específicos”.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , ,