Directores médicos de balnearios galegos explican no IV Ciclo da Universidade de Santiago os efectos terapéuticos das augas mineromedicinais nas doenzas reumáticas, respiratorias e na rehabilitación de pacientes

Esta iniciativa enmárcase nas actividades da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2024 (Vía Láctea Comunicación).- A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia participa no IV Ciclo da Universidade de Santiago, destinado a atender as necesidades de formación permanente das persoas maiores. Faino a través dun seminario centrado nas principais indicacións actuais da balneoterapia, para o que se conta coa participación de directores médicos de centros termais da nosa comunidade.

O curso inaugurouno esta semana o director da Cátedra, o doutor Juan Gestal, na facultade de Ciencias da Educación da USC, no Campus Vida. Tal como el mesmo explica, “son catro sesións coas que se pretende que os asistentes coñezan en que consiste a balneoterapia e as súas principais indicacións actuais nas que existe evidencia científica”. Están a ser impartidas, ademais de polo doutor Gestal, polos directores médicos de Augas Santas (Pantón) e Guitiriz, Antonio Freire; de Mondariz, a doutora Laura Gómez; e de Caldelas de Tui, Elías Festa.

No transcurso destas xornadas estanse a abordar aspectos como os diferentes tipos de augas mineromedicinais que existen e as indicacións terapéuticas de cada unha, a aplicación da balneoterapia para o tratamento de enfermidades respiratorias e das doenzas reumáticas. Así mesmo, estase a afondar na recuperación funcional dos pacientes nos balnearios, posto que -tal como manifestan os expertos- “a cura termal preséntase como unha vía moi valiosa como terapia coadxuvante na prevención e recuperación funcional de alteracións do aparato locomotor, do aparato respiratorio, de certas doenzas neurolóxicas e postraumáticas, e mesmo para a recuperación da Covid e da Covid persistente”.

Galicia ten unha importante riqueza termal apenas utilizada

Dr. Gestal

O doutor Gestal salienta que “a balneoterapia ten hoxe indicacións con evidencia científica para o tratamento coadxuvante de numerosas patoloxías, e mesmo nalgunhas como tratamento de primeira opción como no caso da psoríase”. E pon de relevo que “Galicia ten unha importante riqueza termal apenas utilizada”. Nesta liña, apunta que “na actualidade, os cambios socio-demográficos, cunha poboación cada vez máis avellentada e cunha frecuencia cada vez maior de enfermidades crónicas pero que desexa gozar dunha mellor calidade de vida; están a demandar a inclusión da balneoterapia nas prestacións do Sistema Nacional de Saúde, ao mesmo nivel que noutros países da nosa contorna como é o caso de Italia, Francia ou Alemaña”.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , , , , , ,