Expertos médicos analizarán os beneficios actuais da balneoterapia nas patoloxías otorrinolaringolóxicas e respiratorias

Será no marco dunha nova edición de “A saúde é o que importa”, un ciclo que busca difundir entre a sociedade o valor terapéutico das augas mineromedicinais

É unha iniciativa da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2024 (Vía Láctea Comunicación).- Baixo o título “A saúde é o que importa”, a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia promove un ciclo destinado a difundir entre a sociedade o valor terapéutico actual das augas mineromedicinais. Esta iniciativa cumpre xa a súa sexta edición.

A primeira sesión deste ano terá lugar a vindeira semana, o mércores 24 de abril. Celebrarase en Santiago, no salón Rahid do Hotel Araguaney, a partir das 19:30  horas, con entrada libre ata completar aforo. Consistirá nunha mesa redonda na que se abordarán as indicacións da cura termal nas patoloxías otorrinolaringolóxicas e respiratorias. Ao remate da mesma, manterase un coloquio entre os expertos participantes e o público asistente.

Mellorías en pacientes afectados de doenzas como asma, EPOC, sinusites e enfermidades crónicas da farinxe, larinxe e oído
Cartel de "A saúde é o que importa".
Cartel de “A saúde é o que importa”.

Como moderador desta mesa redonda actuará o director da Cátedra, o doutor Juan Gestal. Nela intervirán o doutor Andrés Soto Varela, profesor titular da Universidade de Santiago e xefe do Servizo de ORL do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS); e o doutor Francisco Javier González Barcala, profesor titular de Pneumoloxía da Universidade de Santiago e facultativo especialista do Servizo de Pneumoloxía do CHUS. 

O doutor Gestal sinala que “o obxectivo principal deste ciclo é dar a coñecer entre o conxunto da poboación, da man de especialistas clínicos de recoñecido prestixio, as principais indicacións médicas que a balneoterapia ten na actualidade nas súas especialidades”. En relación á temática desta primeira xornada, salienta que “os balnearios teñen unha longa experiencia no tratamento e recuperación de pacientes con problemas respiratorios e otorrinolaringolóxicos crónicos”. Así, pon de relevo que, grazas á cura balnearia, patoloxías como a asma, a EPOC e as bronquiectasias conseguen mellorías nos signos funcionais respiratorios como a dispnea, a tose e a expectoración. “En xeral, lógrase unha importante melloría na calidade de vida destes doentes e tamén beneficios notables nos casos de rinosinusites crónicas recidivantes e nas afeccións crónicas da farinxe, larinxe e oído” -asegura-.

Ao remate da sesión proxectarase o documental “A balneoterapia na patoloxía respiratoria”, que amosará as técnicas que se utilizan nos centros termais de Galicia no tratamento das doenzas respiratorias, en particular as de carácter crónico, tanto en adultos como en nenos.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , ,