Un momento do evento.

Médicos galegos aseguran que a balneoterapia ofrece bos resultados en pacientes con ictus, párkinson, esclerose múltiple ou parálise cerebral infantil

É ademais unha técnica eficaz para tratar enfermidades vasculares, reducindo o consumo de fármacos, e da pel como a psoríase, que afecta a entre o 2 e o 4% da poboación

O ciclo “A saúde é o que importa” abordou os beneficios da terapia termal para tratar doenzas da pel, vasculares e neurolóxicas

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2023 (Vía Láctea Comunicación).- Baixo o título “A saúde é o que importa”, a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia promove un ciclo destinado a difundir entre a sociedade o valor terapéutico das augas mineromedicinais. A segunda sesión deste ano celebrouse no compostelán Café Casino. Abordáronse as indicacións da balneoterapia para tratar doenzas da pel, vasculares crónicas e secuelas de afeccións neurolóxicas crónicas. Moderouna o codirector da Cátedra, o doutor José Martín Carreira. Os expertos participantes mantiveron un coloquio co público asistente.

“A balneoterapia e a dermatoloxía deberían coincidir máis a miúdo polo ben dos nosos pacientes”

Dr. Hugo Vázquez

O doutor Hugo Vázquez, xefe do Servizo de Dermatoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), centrouse nas indicacións da cura balnearia para tratar diversas enfermidades da pel. “Na actualidade, a psoríase -e algunhas das súas doenzas asociadas como é a artrite psoriásica- é posiblemente a enfermidade dermatolóxica que acode con máis frecuencia á cura balnearia, xa que afecta a un elevado número de persoas, entre o 2 e 4% da poboación” -sinala o especialista-.

O doutor apunta que a dermatite atópica é outra das enfermidades que máis se beneficia da balneoterapia. “Algún emperador romano xa acudía aos baños termais co fin de aliviar o picor que lle producía a súa pel e hoxe sabemos que era dermatite atópica porque se acompañaba de cadros asmáticos ou riníticos, circunstancia que ocorre con moitísima frecuencia” -manifesta-. E asegura que outras enfermidades cutáneas como algunhas ictioses e eccemas hiperqueratósicos de mans e pés tamén melloran coa cura termal. “Ademais do efecto directo da terapia con auga sobre as dermatoses, a relaxación e o benestar que sente o individuo, mergullado comodamente na auga, axuda a mellorar calquera estado patolóxico” -salienta-.

“A microbiota dalgúns balnearios controla a flora da pel, evitando a proliferación do estafilococo dourado, que vive na nosa pel e, cando aumenta moito de poboación, pode producir brotes intensos de dermatite atópica e infeccións cutáneas tipo impetixe. Mesmo os barros dalgúns centros termais poden ter un efecto cicatrizante” -explica o doutor-. Nesta liña, afirma que “a balneoterapia e a dermatoloxía deberían coincidir máis a miúdo polo ben dos nosos pacientes”.

Participantes no evento no Café Casino.

A balneoterapia mellora a circulación sanguínea e a mobilidade, reduce a dor e os edemas propios das doenzas vasculares

O doutor Alejandro Rodríguez, facultativo especialista do Servizo de Anxioloxía e Cirurxía Vascular do CHUS, afondou nos beneficios da balneoterapia en relación ás doenzas vasculares crónicas. Sinala que “a balneoterapia ou hidroterapia é unha técnica terapéutica que se basea no uso das propiedades da auga para tratar diferentes patoloxías. Un dos campos nos que demostrou ser especialmente efectiva é no tratamento das enfermidades vasculares”.

“As enfermidades vasculares son un conxunto de patoloxías que afectan aos vasos sanguíneos, incluíndo as veas, as arterias e os vasos linfáticos. Estas doenzas poden ter diferentes causas e manifestacións clínicas, e poden ser moi incapacitantes para quenes as padecen. Entre as máis comúns atópanse a insuficiencia venosa, a enfermidade arterial periférica e a trombose venosa profunda” -explica-.

O doutor asegura que “a balneoterapia preséntase como unha alternativa terapéutica non farmacolóxica que pode contribuír de maneira significativa ao alivio dos síntomas destas doenzas. Entre os seus beneficios está a a mellora da circulación sanguínea, a redución da dor e dos edemas propios destas enfermidades, así como a mellora da mobilidade. En definitiva, a balneoterapia é unha técnica terapéutica eficaz e segura para o tratamento das enfermidades vasculares. Ademais, o seu uso pode contribuír a reducir a necesidade de fármacos e mellorar a calidade de vida dos pacientes”.

“O contacto coa auga ofrece múltiples vantaxes desde o punto de vista rehabilitador”

Dr. Jesús Figueroa

O doutor Jesús Figueroa, xefe do Servizo de Rehabilitación do CHUS, referiuse aos efectos terapéuticos das augas mineromedicinais na recuperación das secuelas de afeccións neurolóxicas crónicas como o párkinson. Salienta que “no caso de persoas con discapacidade física de orixe neurolóxica, o contacto coa auga ofrece múltiples vantaxes desde o punto de vista rehabilitador”. Nesta liña, apunta que “a balneoterapia permite traballar o movemento, estimula o equilibrio, a coordinación motriz, mellora a percepción do corpo e a posibilidade de optimizar o esquema de marcha, mellorando así a función e independencia destes pacientes”.

Segundo o experto, no ámbito dos pacientes con situacións deficitarias do sistema neurolóxico, as patoloxías máis relevantes onde a balneoterapia pode ofrecer mellores resultados están o ictus, a enfermidade de párkinson, a esclerose múltiple e a parálise cerebral infantil, entre outras, en fase subaguda e crónica. O doutor manifesta que “hai diferentes síntomas que acompañan a estas doenzas como a dor, a espasticidade, as alteracións da coordinación e equilibrio… que, sen dúbida, poden beneficiarse con métodos de hidroterapia e balneoterapia”.

O doutor indica que, en relación ás enfermidades neurolóxicas, poden empregarse todo tipo de augas mineromedicinais, aínda que as máis aconselladas son as radioactivas, polos seus efectos analxésicos, relaxantes e reguladores do equilibrio neurovexetativo. Dependendo do caso, afirma que tamén se poden utilizar as augas cloradas, que son esencialmente estimulantes; e as sulfuradas, que son estimulantes xerais, desensibilizantes e antitóxicas.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , , , , , ,