Os pacientes con Covid persistente melloran os seus problemas respiratorios e de dor tras unha semana de tratamento con balneoterapia

O colectivo galego de pacientes amósase “esperanzado” porque hai varias liñas de investigación na procura da curación e da mellora do diagnóstico e coidado destes doentes, case dous millóns en España

O ciclo “A saúde é o que importa” abordará esta tarde os beneficios da terapia termal con estes enfermos

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2023 (Vía Láctea Comunicación).- Baixo o título “A saúde é o que importa”, a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia promove un ciclo destinado a difundir entre a sociedade o valor terapéutico das augas mineromedicinais. Esta iniciativa, que cumpre a súa 5ª edición, conta coa colaboración da Fundación Araguaney.

Esta tarde, a partir das 19:30 horas, celebrarase a primeira sesión deste ano, no salón Rahid do compostelán Hotel Araguaney, con entrada libre ata completar aforo. Consistirá nunha mesa redonda na que se abordarán as indicacións da cura termal para o tratamento da Síndrome de Covid persistente, moderada polo director da Cátedra, o doutor Juan Gestal. Os expertos participantes manterán un coloquio posterior co público asistente ao encontro.

Pacientes con outras doenzas crónicas e pacientes non vacinados

A doutora María Jesús Domínguez, médico internista da Unidade de Enfermidades Infecciosas do Hospital Clínico Universitario de Santiago, abordará a clínica da Síndrome de Covid persistente. Indica que “en pouco tempo avanzamos moito no tratamento dunha enfermidade que apareceu dun día para outro”.

Segundo a información aportada pola doutora, a maioría dos pacientes ingresados -uns 10 ao día no CHUS- son persoas con outras doenzas crónicas previas que ven agravado o seu estado como é o caso de pacientes inmunodeprimidos, obesos, transplantados, hematolóxicos, sometidos a diálise… que pola súa enfermidade ou polo tratamento que está a recibir para combatela non están a ter unha resposta adecuada á vacina e, polo tanto, nesta situación facer fronte ao virus é máis complicado. Por outro lado, a doutora salienta que “aínda temos un bo número de pacientes que non se vacinaron”.

A doutora sinala que os pacientes post-Covid presentan “síntomas comúns como cansazo, dores musculares e articulares… Ademais, hai unha marcada compoñente emocional nesta enfermidade debido a duelos non resoltos, perda do traballo… son moitos condicionantes”. Nesta liña, manifesta que “temos que tratar de aliviarlles os síntomas pero é fundamental que se reincorporen ás súas rutinas habituais, é o mellor camiño para recuperarse”.

O colectivo galego de pacientes lamenta que aínda non haxa un recoñecemento da enfermidade por parte da sociedade nin da Administración

Isabel Quintana, representante do colectivo de pacientes con Covid persistente de Galicia e enfermeira do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, falará da situación destes enfermos na nosa comunidade. “Tres anos despois, o pesadelo continúa para case dous millóns de cidadáns en España, unha maraña de síntomas e enfermidades que nos afectan de forma diferente, un viacrucis de visitas a médicos e un sen fin de probas diagnósticas, un ir e vir de xestións coa Administración, unha diminución da nosa vida anterior e, ás veces, unha non vida” -salienta-.

“Somos conscientes de que é unha enfermidade nova pero sentímonos moi abandonados e incomprendidos. Nas diferentes áreas sanitarias as unidades poscovid xa non funcionan como antes e, no caso das persoas que están fóra da Seguridade Social, as mutuas non lles recoñecen a enfermidade. Ademais, a sociedade pensa que se trata dunha doenza de saúde mental, que os síntomas son psicosomáticos, pero atopámonos realmente mal, sen forzas e, por riba, temos que loitar contra as Administracións porque as baixas laborais prolónganse e temos que estar xustificando de xeito permanente que estamos enfermos. Aínda non hai un recoñecemento claro da enfermidade nin por parte da sociedade nin da Administración, a pesar de estar recoñecida pola OMS” -lamenta-.

Pero, non obstante, a voceira dos pacientes manifesta que están “esperanzados” a raíz da creación da Red Española de Investigación en Covid Persistente (REiCOP), que aglutina a 62 entidades científicas e médicas de todo o país, xunto a colectivos e asociacións de pacientes. A rede ten en marcha varias liñas de investigación na procura da curación e da mellora do diagnóstico e coidado destes doentes.

Os beneficios da balneoterapia nestes pacientes

Pola súa parte, o doutor Antonio Freire, director médico do Balneario Augas Santas (Pantón, Lugo), afondará nos beneficios da cura balnearia na recuperación destes pacientes. Nesta liña, indica que a maioría das patoloxías que se están a tratar nos balnearios galegos en relación á Covid persistente son de tipo respiratorio como tose e fatiga crónica; xunto a dores musculares e articulares. “En función dos síntomas, aplicamos diferentes técnicas termais, en particular inhalacións, aerosois, nebulizadores, pulverizadores ou duchas nasais para os problemas respiratorios; e tratamentos de balneación, presión ou hidrocinesiterapia (exercicio físico na auga) para abordar as dores do aparato locomotor” -explica-.

“Os resultados son moi satisfactorios, comprobamos unha notable melloría das patoloxías respiratorias e do aparato locomotor a partir dos sete días de tratamento. Ademais, na maioría dos casos, os síntomas desaparecen por completo, de xeito definitivo, ao cabo duns meses” -asegura o doutor-.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , , ,