O 77% das mulleres maiores de 70 anos padecen insuficiencia venosa crónica, que, segundos expertos en hidroloxía médica, mellora coa cura termal

Esta doenza maniféstase coa aparición de edemas e úlceras nos nocellos e nas pernas, que non desaparecen nin cicatrizan co paso do tempo

Santiago de Compostela-Ourense, 21 de marzo de 2023 (Vía Láctea Comunicación).- No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, o balneario ourensán de Laias acolle esta fin de semana unhas xornadas centradas na aplicación da balneoterapia para a prevención das secuelas provocadas pola insuficiencia vascular. Un grupo de futuros médicos da Universidade de Santiago, que se están a formar na cura termal, coñecerán as aplicacións das terapias con augas mineromedicinais para abordar este tipo de doenzas.

A coordinadora deste seminario é a doutora Dolores Fernández Marcos. É médico especialista en hidroloxía médica e directora médico de Caldaria, que aglutina os balnearios ourensáns de Arnoia, Laias e Lobios. Indica que “a patoloxía venosa crónica ten unha incidencia elevada, sobre todo no sexo feminino”. Nesta liña, salienta que o 77% das mulleres maiores de 70 anos sofre insuficiencia venosa crónica, en particular nos membros inferiores. Isto conleva a aparición de edemas nos nocellos e nas pernas, que non desaparecen co paso do tempo; a pel tórnase escura e seca, e pode abrirse até a aparición de úlceras que non cicatrizan segundo avanza a enfermidade.

A doutora explica que as propiedades das augas mineromedicinais -en especial as sulfurado sódicas, clorurado sódicas e bicarbonatadas cálcicas- melloran o trofismo dos tecidos do organismo e a cicatrización. Ademais, sinala que este tipo de aguas son antisépsicas, o que contribúe ao tratamento destas lesións, xunto coas medidas hixiénico-posturais e nutricionais como medida preventiva nas primeiras fases da enfermidade.

A cura balnearia aplica técnicas que melloran a circulación de retorno como a hidrocinesiterapia -realización de exercicio físico na auga-, pediluvios, pasillos de marcha, duchas circulares e a balneación en xeral; a unha temperatura entre 34 e 37 ºC. A doutora incide en que “cómpre ter en conta que a pel neste proceso vascular vaise danando e co tempo é unha porta de entrada a xermes que poden prexudicar ao enfermo, polo que se debe realizar o tratamento baixo a supervisión de persoal profesional”.

Os futuros facultativos coñecerán os beneficios terapéuticos das aguas

As xornadas comezan o venres ás 16:30 horas cunha sesión teórica centrada nos aspectos xerais da hidroloxía médica e na aplicación dos protocolos terapéuticos nos balnearios, impartida pola doutora Yolanda García, directora médica do balneario do Carballiño. De seguido, os participantes realizarán un percorrido polas instalacións do centro termal. E logo terán unha sesión práctica sobre as diferentes técnicas balnearias, co fisioterapeuta de Laias, Kamil Brzcenziski, que repetirán o sábado pola mañá. Na xornada do sábado, os futuros médicos coñecerán as principais indicacións terapéuticas da balneoterapia para tratar as patoloxías vasculares, da man da doutura Ferrnández Marcos. A xornada rematará cunha sesión práctica no balneario.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , , , , ,