Benigno Amor e a doutora Marcos co alumnado.

Os futuros médicos galegos afondan na balneoterapia como alternativa eficaz para tratar doenzas crónicas e trastornos depresivos

A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia traballa na inclusión da cura termal no Sistema Nacional de Saúde e na implantación da historia clínica electrónica nos balnearios da comunidade

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2023 (Vía Láctea Comunicación).- A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia leva trece anos formando a futuros médicos na cura termal e difundindo entre a sociedade o valor actual das augas mineromedicinais na prevención e tratamento de certas enfermidades, en particular das crónicas.

Os participantes neste curso terán preferencia á hora de poder asistir ás fins de semana nos balnearios, que se celebrarán en febreiro e marzo nos centros termais de Augas Santas (Pantón), Compostela (Brión), Mondariz, Termas Romanas de Lugo e Laias (Cenlle). “Serán xornadas prácticas para achegar ao estudantado as aplicacións da balneoterapia en doenzas como a Covid-19, a psoríase, as enfermidades reumáticas, a patoloxía vascular ou o tratamento dos pacientes xeriátricos” -sinala o director da Cátedra, o doutor José Martín Carreira-.

Esta semana comezou o “Curso de iniciación á balneoterapia”, dirixido ao alumnado dos últimos anos de Medicina. “Terán a oportunidade de coñecer, da man dos directores médicos de balnearios galegos, as principais indicacións terapéuticas das augas mineromedicinais, as posibilidades que ofrecen na prevención de diversas doenzas e as técnicas termais que existen. Achegaranse á eficacia da balneoterapia no tratamento dos problemas respiratorios, dos trastornos ansiosos e depresivos, da fibromialxia, das doenzas da pel, das enfermidades reumáticas e das doenzas vasculares crónicas” -explica o codirector da Cátedra, o doutor Juan Gestal-.

Doutor Gestal.
Doutor Juan Gestal

A importancia de que os médicos coñezan o valor terapéutico das augas

O alumnado asistindo ás aulas.

A Cátedra continúa coa distribución do “Vademécum das augas mineromedicinais de Galicia” a todos os médicos e MIR en formación de Galicia das especialidades de reumatoloxía, traumatoloxía, pneumoloxía, dermatoloxía, rehabilitación, pediatría e medicina familiar e comunitaria. A finalidade é que os facultativos coñezan o valor terapéutico dos diferentes tipos de augas mineromedicinais que hai na nosa comunidade. Nesta liña, a Cátedra está a traballar nunha folla de ruta para lograr a inclusión da cura termal no Sistema Nacional de Saúde. Ademais, estase a avanzar cos directores médicos dos balnearios galegos na unificación dos protocolos terapéuticos nos centros termais de cara á implantación da historia clínica electrónica.

Entre as actividades programadas pola Cátedra para este ano destaca a súa participación en Termatalia -Feria Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar-, que nesta edición vai ter lugar en outubro en Uruguai. Por outro lado, celebrarase o ciclo “A saúde é o que importa”, no que se conta con expertos médicos en diferentes eidos para difundir entre a sociedade as potencialidades da hidroloxía médica. Manterá ademais a súa colaboración co IV Ciclo da Universidade de Santiago.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , , ,