Os futuros facultativos galegos coñecen esta técnica no Balneario de Compostela
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2023 (Vía Láctea Comunicación).- No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, o Balneario de Compostela, situado na localidade coruñesa de Brión, acolle esta fin de semana unhas xornadas centradas nos beneficios terapéuticos da balneoterapia para tratar doenzas respiratorias e dermatolóxicas, así como a depresión. Un grupo de futuros médicos da Universidade de Santiago, que se están a formar na cura termal, coñecerán as aplicacións das terapias con augas mineromedicinais para abordar este tipo de enfermidades.

A directora médico do balneario de Compostela, a doutora Belén Cabana, pon de manifesto que “as augas mineromedicinais contribúen a diminuír a inflamacións das mucosas, eliminan a mucosidade e aumentan a capacidade pulmonar; polo que resultan de interese para tratar a farinxite, larinxite, sinusite e as afonías, entre outras doenzas do aparato respiratorio como a EPOC ou a asma”. En función da vía que se quere tratar, fanse inhalacións, fisioterapia na auga ou mesmo aplicación de parafangos.
No caso das doenzas dermatolóxicas, a doutora destaca o tratamento con peloides termais, que resultan de mesturar a parte activa da auga mineromedicinal con arxila. Esta técnica emprégase en particular para abordar a psoríase e tamén a dermatite atópica seborreica, procesos nos que a pel se amosa inflamada e reactiva. A doutora asegura que se logran resultados moi satisfactorios xa no primeiro mes de tratamento. “Desaparece o prurito, as lesións van mellorando e aparece a pel sa na maior parte do corpo, desaparecen máis do 80% das lesións” -resalta-. Segundo os expertos médicos, para conseguir resultados efectivos a longo prazo precísanse de dous ou tres ciclos de 21 días -coincidindo co recambio celular da pel- a días alternos e cunha semana de descanso.
A aplicación de calor mellora o sono e o estado dos pacientes con depresión
O Balneario de Compostela está a realizar un estudo piloto sobre os efectos terapéuticos das augas termais na depresión, en colaboración coa facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago e os centros de saúde de Brión e Bertamiráns, cunha selección de pacientes que teñen en común que padecen depresión moderada ou severa e non toman medicación. A directora médico do balneario, Belén Cabana, explica que o tratamento consiste na colocación dun sensor que mide a temperatura corporal dos pacientes ao longo do día. “Métense en bañeiras a 40ºC durante vinte minutos e logo nunha sala mantense a temperatura cunha manta térmica durante outros vinte minutos. Mídeselles a temperatura durante todo o proceso e obtéñense uns parámetros. Os resultados indícannos que o tratamento mellora coa aplicación de calor, en particular o sono e a sensación anímica” -afirma-.
A doutora sinala que nos pacientes con depresión detéctase unha alteración na súa temperatura corporal. Cando se someten a unha temperatura da auga a 40ºC, o organismo libera unha substancia que fai que a temperatura corporal diminúa, cos consecuentes efectos positivos para estes doentes.
Os futuros médicos realizarán prácticas no balneario con peloides, parafangos, envolturas e presoterapia
As xornadas comezan o venres ás 16:00 horas cun percorrido pola historia do balneario e das súas augas, da man da doutora Belén Cabana. De seguido, os futuros facultativos realizarán unha visita ás instalacións do centro. Logo terán unha nova charla sobre o tratamento terapéutico respiratorio, concluíndo con prácticas termais no balneario.
O sábado coñecerán cales son as principais innovacións no sector termal, en particular no referente ao uso de peloides. Así, realizarán a continuación unha práctica con diferentes técnicas termais en seco como os peloides, parafangos, envolturas e presoterapia. De seguido, achegaranse aos principais efectos terapéuticos das augas termais na depresión. A xornada concluirá cunha sesión práctica no balneario.