Son tratamentos personalizados, pautados por médicos, que logran importantes melloras físicas e psicolóxicas nos pacientes
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2023 (Vía Láctea Comunicación).- O balneario de Augas Santas (Pantón, Lugo) acolle esta fin de semana unhas xornadas para futuros médicos, promovidas pola Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia. Nestas sesións vanse abordar os beneficios da hidrocinesiterapia e a terapia termal na
recuperación da síndrome post-Covid-19.
Segundo explica o doutor Antonio Freire Magariños, director médico do balneario de Augas Santas e coordinador da actividade, “despois da recuperación da Covid-19, a infección e o longo período de hospitalización poden dar lugar a secuelas a medio e longo prazo como a redución da forza muscular e da capacidade cardiorrespiratoria, neuropatías e outras posibles síndromes neurolóxicas postinfecciosas, desequilibrio inmunolóxico residual, así como trastorno cognitivo ou neuropsíquico (ansiedade, depresión, tensión postraumática e outros trastornos funcionais). Todas estas secuelas requiren intervencións terapéuticas e de rehabilitación axeitadas despois da alta hospitalaria”.

“En todos estes casos, a cura balnearia a través das aplicacións de técnicas hidrotermais como a balneación, técnicas de presión, técnicas respiratorias ou peloidoterapia (aplicación de lodos termais), xunto con outras complementarias como a hidrocinesiterapia e os exercicios respiratorios, permiten unha mellora significativa da sintomatoloxía persistente da Covid-19”, sinala o doutor. Indica que a hidrocinesiterapia consiste en que o paciente realiza exercicios dentro da auga e, grazas ás propiedades térmicas e mecánicas do medio acuático, pode obter melloras nas súas doenzas musculares, articulares e mesmo en lesións de tipo neurolóxico.
Os programas post-Covid nos centros termais son personalizados debido a que os síntomas son moi dispares. O equipo médico do balneario, tras unha consulta previa,
avalía o estado de cada paciente para establecer as pautas que debe seguir a súa rehabilitación, incluíndo os aspectos físicos, psicolóxicos e psiquiátricos. Os expertos
indican que a duración estándar deste tipo de programas é duns nove días.
“A contorna balnearia, con actividades deportivas, sociais, culturais e turísticas dos arredores, complementan os beneficios terapéuticos da aplicación das augas mineromedicinais, converténdose en lugares ideais para a recuperación de persoas con síndrome post-Covid, especialmente no relativo ao cansazo físico e psicolóxico” -asegura o doutor Freire-.
Os futuros médicos coñecerán as diferentes técnicas que se aplican nos balnearios
As xornadas comezan o venres ás 16:00 horas cunha sesión teórica sobre diferentes técnicas termais, incluída a hidrocinesiterapia, e a utilidade da terapia termal na recuperación da síndrome post-Covid-19, impartida polo doutor Antonio Freire. Logo os asistentes terán a oportunidade de realizar prácticas no balneario, da man de profesionais do centro. A mañá do sábado comezará cunha sesión sobre hidrocinesiterapia coa fisioterapeuta do balneario, Patricia López, e rematará cunha práctica sobre balneación e aplicacións a presión colectivas en piscina.