Búscase que o SNS recoñeza a cura termal aplicada ao tratamento e rehabilitación de determinadas patoloxías nas que está demostrada cientificamente a súa efectividade
Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2022 (Vía Láctea Comunicación).- A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia forma a futuros médicos e divulga as bondades da cura balnearia desde o ano 2010. Estes días tivo lugar a súa reunión anual, na que se abordaron as actividades e iniciativas previstas para o vindeiro curso.
Na xuntanza participaron o director da Cátedra, José Martín Carreira, profesor de radioloxía e Medicina Física da Universidade de Santiago; o doutor Juan Gestal, actual codirector, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC; María Soledad Espiño, presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia e directora de Termas de Cuntis; Antonio Freire, director médico do balneario de Augas Santas; Laura Gómez, directora médica do balneario de Mondariz; Elías Festa, director médico de Caldelas de Tui; e o xerente de Balnearios de Galicia, Benigno Amor.
No transcurso da xuntanza aprobouse a folla de ruta que vai seguir a Cátedra para a inclusión da cura termal no Sistema Nacional de Saúde. O obxectivo é lograr que a balneoterapia aplicada ao tratamento e rehabilitación de determinadas patoloxías, nas
que está demostrada cientificamente a súa efectividade, entre no SNS, tal como xa se leva anos facendo noutros países europeos. Nesta liña, desde a Cátedra estase a traballar en colaboración coa Asociación de Balnearios de Galicia, a Asociación Nacional de Balnearios e cos directores médicos dos centros termais da comunidade.
A Cátedra vai solicitar o apoio da Consellería de Sanidade para iniciar as actuacións necesarias que permitan a aprobación por parte do Ministerio de Sanidade da inclusión da cura termal no Sistema Nacional de Saúde. Ademais, colaborarase coa Sociedade Española de Hidroloxía Médica, a Sociedad Internacional de Hidroloxía e Climatoloxía Médica (ISMH) e Academia Nacional de Medicina de Francia.
Traballarase ademais para que os servizos médicos dos balnearios galegos adapten os seus centros ás aplicacións dos protocolos terapéuticos e rehabilitadores que xa se están a aplicar en Europa.
Formación de futuros médicos na cura termal
A Cátedra continuará este curso coa formación de futuros médicos na cura termal, realizando varios seminarios en diferentes balnearios da comunidade nos meses de febreiro e marzo do vindeiro ano. Así, está previsto que acollan esta iniciativa o Balneario de Compostela (Brión), Termas Romanas de Lugo, Augas Santas (Pantón), Arnoia, Laias, Termas de Cuntis, Caldelas de Tui e Mondariz. O alumnado da facultade de Medicina da Universidade de Santiago terá a oportunidade de coñecer os beneficios da hidroterapia en doenzas reumáticas, patoloxías vasculares, enfermidades dermatolóxicas, para tratar a síndrome post-Covid, así como a súa aplicación tanto en nenos como en pacientes xeriátricos ou mesmo na preparación e recuperación de deportistas de elite.
Por outro lado, a Cátedra mantén a celebración do ciclo “A saúde é o que importa”, no que se conta con expertos médicos en diferentes eidos para difundir entre a sociedade o valor terapéutico das augas mineromedicinais. E colaborará de novo co IV Ciclo da Universidade de Santiago a través dun programa no que directores médicos de diferentes balnearios galegos amosan as indicacións terapéuticas da cura termal en relación a determinadas doenzas.