A historia clínica electrónica dos balnearios galegos vai permitir desenvolver investigacións de gran relevancia para a Medicina Termal na nosa comunidade

É unha iniciativa da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, que se presentou esta mañá en Termatalia

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2022 (Vía Láctea Comunicación).- A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia está a participar en Termatalia, a “20ª Feira Internacional de Turismo, Saúde e Benestar” que se está a celebrar esta semana en Expourense. A Cátedra é a primeira en Galicia e a segunda existente en España nesta materia. Desde o ano 2010 forma a futuros médicos e divulga as bondades da cura balnearia entre a sociedade. No marco da feira, os seus responsables deron a coñecer esta mañá varias das iniciativas que teñen en marcha.

O novo director da Cátedra é José Martín Carreira, profesor de Radioloxía e Medicina Física da Universidade de Santiago. Ocupa o cargo que durante estes anos exerceu o doutor Juan Gestal, actual codirector, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC. Os dous presentaron un dos proxectos máis ambiciosos nos que levan anos traballando desde a Cátedra, en colaboración cos directores médicos dos balnearios galegos, e que agora se vai poñer en marcha. Trátase de Termagal, a historia clínica electrónica dos balnearios de Galicia, unha ferramenta que se prevé que estea implantada nos vindeiros meses en todos os centros termais da comunidade.

Tal como explica o doutor Gestal, a finalidade desta iniciativa é “poder ir acumulando toda a información dos pacientes dos balnearios, a súa historia clínica, de xeito uniforme, o que contribuirá a mellorar o coñecemento dos tratamentos que se ofrecen nos centros termais galegos. Esta ferramenta, co paso do tempo, vai permitir dispoñer dunha valiosa base de datos científica para desenvolver investigacións neste eido, o que suporá un importante avance para a balneoterapia en Galicia”.

Os balnearios galegos no Camiño de Santiago

Durante o evento presentouse tamén o libro “Balnearios en los Caminos de Santiago en Galicia”, editado por Bolanda. “Con esta publicación preténdese animar aos peregrinos e amantes do Camiño de Santiago a descubrir e visitar os nosos balnearios, situados nas proximidades dos diferentes itinerarios; desfrutar da súa riqueza cultural e gastronómica, e atopar o merecido repouso e alivio das fatigas do Camiño coa inmersión nas súas augas salutíferas” -indicou o doctor Gestal-.

O doutor destacou que “as augas mineromedicinais galegas, ben coñecidas e documentadas desde a dominación romana, teñen sido un reclamo durante séculos para moitos peregrinos que afrontaban a dureza do Camiño de Santiago. Na actualidade augas e Camiño constitúen, probablemente, dous dos recursos máis coñecidos e mellor valorados de Galicia”.

O codirector da Cátedra afirmou que Galicia é un dos principais destinos termais de Europa. “O termalismo, ao igual que o Camiño de Santiago, constitúe un importante patrimonio europeo”. Salientou que “o termalismo tivo un enorme papel histórico e cultural no nacemento e desenvolvemento do turismo ao longo dos séculos XVIII e XIX, e na dinamización socioeconómica das comarcas onde se localizan os balnearios, contribuíndo ademais á conservación e valorización medioambiental dos seus contornos”.

Nova páxina web da Cátedra

José Martín Carreira e Juan Gestal

Os profesores Gestal e Carreira presentaron tamén a nova páxina web da Cátedra, elaborada o pasado curso, que recolle en quince apartados todas as súas actividades, historia e publicacións. Moitas delas poden descargarse, como o Vademécum das augas mineromedicinais de Galicia, obra de grande utilidade para os profesionais sanitarios que reúne as indicacións terapéuticas das augas dos balnearios galegos, ou a Guía didáctica: Os Balnearios de Galicia. Descubre as súas posibilidades para a saúde, dirixida a profesores e alumnos de 5º e 6º de Primaria e 1º de ESO; xunto a outras publicacións de interese no ámbito da hidroloxía médica. Ademais, a web ofrece un percorrido por todos os centros termais da comunidade.

Os avances da investigación en Medicina Termal

No marco de Termatalia, esta tarde vaise celebrar unha sesión de Hidroloxía Médica, complementaria ao “XXI Congreso Nacional de la Sociedad Española de Hidrología Médica”. Comezará cunha primeira mesa científica, moderada polo profesor Francisco Maraver, presidente da Sociedad Española de Hidrología Médica, e na que participará o doutor Juan Gestal para dar a coñecer os principais fitos da Cátedra ao longo dos seus doce anos de traxectoria. Ademais, o doutor moderará unha mesa sobre os progresos da investigación en Medicina Termal, na que participarán expertos procedentes de Francia, Italia, España e Portugal.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , ,