Celébrase unha nova edición de “A saúde é o que importa”, un ciclo que busca difundir entre a sociedade o valor terapéutico das augas mineromedicinais

A primeira xornada deste ano, que terá lugar a vindeira semana, abordará os beneficios da balneoterapia para tratar a dor crónica

É unha iniciativa da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, en colaboración coa Fundación Araguaney

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2022 (Vía Láctea Comunicación).- Baixo o título “A saúde é o que importa”, a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia promove un ciclo destinado a difundir entre a sociedade o valor terapéutico das augas mineromedicinais. Esta iniciativa, que cumpre a súa 4ª edición, conta coa colaboración da Fundación Araguaney.

A primeira sesión deste ano terá lugar a vindeira semana, o mércores 20 de abril. Celebrarase en Santiago, no salón Rahid do Hotel Araguaney, a partir das 19:30 horas, con entrada libre ata completar aforo. Consistirá nunha mesa redonda na que se abordarán as indicacións da cura termal para o tratamento da dor crónica. Ao remate da mesma, manterase un coloquio entre os expertos e o público asistente.

Cartel "A Saude é o que importa" 2022
Cartel “A Saude é o que importa 2022”
Expertos médicos abordarán a balneoterapia no tratamento das lumbalxias, da fibromialxia e da dor

Como moderador desta mesa redonda actuará o director da Cátedra, o doutor Juan Gestal. Nela intervirán os doutores Jorge Blanco, médico adxunto do Servizo de Reumatoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), que abordará a balneoterapia no tratamento das lumbalxias; Rosa Meijide, catedrática de Hidroloxía Médica da Universidade da Coruña, que se centrará no valor terapéutico das augas mineromedicinais para pacientes con fibromialxia; e Elías Festa, director médico do balneario Caldelas de Tui, que explicará as principais técnicas termais que se aplican na actualidade para combater a dor.

O doutor Gestal sinala que “o obxectivo principal deste ciclo é dar a coñecer entre o conxunto da poboación as principais indicacións médicas que a balneoterapia ten na actualidade, coa participación de especialistas sanitarios de recoñecido prestixio”. Nesta liña, pon de relevo que “hoxe estase a volver de novo ao uso da balneoterapia como tratamento exclusivo ou coadxuvante doutros tratamentos médicos. Isto débese en boa medida ao avellentamento da poboación, que fai que as doenzas crónicas sexan cada vez máis frecuentes; así como ás numerosas investigacións que permiten indicacións da balneoterapia baseadas na evidencia científica”.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , , , ,