Preséntase ademais como unha solución eficaz para tratar a fibromialxia, unha doenza crónica que afecta ao 2,4% da poboación, case na súa totalidade mulleres
O ciclo “A saúde é o que importa” abordará esta tarde os beneficios da terapia termal no tratamento da dor crónica
Santiago de Compostela, 20 de abril de 2022 (Vía Láctea Comunicación).- Baixo o
título “A saúde é o que importa”, a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de
Galicia promove un ciclo destinado a difundir entre a sociedade o valor terapéutico
das augas mineromedicinais. Esta iniciativa, que cumpre a súa 4ª edición, conta coa
colaboración da Fundación Araguaney.
Esta tarde, a partir das 19:30 horas, celebrarase a primeira sesión deste ano, no salón
Rahid do compostelán Hotel Araguaney, con entrada libre ata completar aforo.
Consistirá nunha mesa redonda na que se abordarán as indicacións da cura termal
para o tratamento da dor crónica, moderada polo director da Cátedra, o doutor Juan
Gestal. Os expertos participantes manterán ademais un coloquio posterior co público
asistente ao encontro.
Entre o 60 e o 80% da poboación presentará algún tipo de dor lumbar ao longo
da súa vida, chegando a ser incapacitante en moitos casos
O doutor Jorge Blanco, médico adxunto do Servizo de Reumatoloxía do Complexo
Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), abordará a balneoterapia no
tratamento das lumbalxias, que se presentan con moita dor nas súas fases máis
agudas e poden chegar a ser incapacitantes. Segundo os datos aportados polo
doutor, entre o 60 e o 80% da poboación presentará algún tipo de dor lumbar ao longo
da súa vida, cunha maior incidencia entre os 25 e os 45 anos, sendo a principal causa
de limitación da actividade en maiores de 45 anos e a orixe de máis do 15% das
baixas laborais.
Segundo o experto, a hidroterapia termal permite mitigar a dor nestes pacientes e
acelerar o seu proceso de recuperación debido ás diferentes propiedades das augas
mineromedicinais, incluíndo a temperatura e a presión, a presenza de compostos
orgánicos en disolución… Ademais, o exercicio físico na auga fai posible exercitar a
musculatura debilitada en ausencia de gravidade. Así, “as diversas técnicas de
hidroterapia son recomendables para reducir a dor, a rixidez e a funcionalidade
lumbar, logrando unha rehabilitación máis rápida” -asegura.
O especialista salienta que “os medicamentos que se administran para combater as
lumbalxias como antiinflamatorios, derivados da morfina, relaxantes musculares,
paracetamol ou corticoides, entre outros, non conseguen mellores resultados que a
aplicación das augas mineromedicinais”. Neste sentido, apunta que “a balneoterapia
preséntase como un tratamento coadxuvante eficaz e que, ademais, posúe a enorme
vantaxe de que carece de efectos secundarios”.

Mellora da calidade de vida dos pacientes con fibromialxia
Rosa Meijide, catedrática de Hidroloxía Médica da Universidade da Coruña,
centrarase no valor terapéutico das augas mineromedicinais para pacientes con
fibromialxia. Resalta que existen diferentes estudos científicos nacionais e
internacionais que avalan a efectividade das técnicas termais para abordar esta
doenza e que varias guías de práctica clínica aconsellan a súa prescrición médica.
A fibromialxia é unha enfermidade crónica que afecta, segundo datos da Sociedad
Española de Reumatología, ao 2,4% da poboación en España, case na súa totalidade
mulleres de entre 40 e 49 anos, aínda que os primeiros síntomas poden aparecer
entre os 20 e os 40 anos. Preséntase con dor xeralizada en todo o corpo, fatiga
crónica, rixidez, alteracións do sono… As súas causas descoñécense, aínda que os
expertos opinan que podería deberse a unha distorsión da percepción da dor nestes
pacientes, que fai que o organismo interprete mal certos estímulos e se perciba a dor
como máis aguda.
Segundo a catedrática, a balneoterapia permite mellorar en boa medida a calidade de
vida destes enfermos, redúcense tanto os puntos de dor como a súa intensidade, o
cansazo, o sono e mesmo o seu estado emocional, posto que a depresión é habitual
nestes casos. Nesta liña, engade que “os centros termais son instalacións sanitarias
que dispoñen de especialistas médicos que aconsellan sobre as diversas opcións
terapéuticas e tamén se ofrece apoio psicolóxico”.
Os pacientes con Síndrome Post-Covid aprecian mellorías logo de tres sesións
Pola súa parte, o doutor Elías Festa, director médico do balneario Caldelas de Tui,
explicará as principais técnicas termais que se aplican na actualidade para combater a
dor. Sinala que “para o deseño dunha estratexia terapéutica en relación co tratamento
da dor vía termal débese ter en conta a súa orixe, é dicir, se é aguda, crónica e se é
ou non inflamatoria. Tamén é importante a historia clínica do paciente, por se presenta
patoloxías concorrentes ou excluíntes”.
No caso particular dos pacientes con Síndrome Post-Covid, que sofren fatiga crónica,
dificultade respiratoria e dor xeralizada, a pauta de tratamento son -segundo o doutor-
as inhalacións, os aerosois, o baño de burbullas e a ducha circular. Afirma que “dos
doentes tratados, todos sentiron unha melloría obxectiva da súa situación previa
despois das tres primeiras sesións no balneario”.