As tres universidades e os balnearios galegos réndenlle unha homenaxe póstuma ao doutor José Carro pola súa contribución ao desenvolvemento do termalismo en Galicia

Foi un gran defensor da hidroloxía médica, convencido non só do seu valor sanitario, senón tamén da súa importancia para a comunidade galega

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2022 (Vía Láctea Comunicación).- A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia presenta esta tarde a publicación “Homenaxe do Termalismo de Galicia ao Dr. José Carro Otero”, falecido hai un ano. Nesta iniciativa colaboran as Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, Complutense de Madrid, a Xunta de Galicia e a Asociación de Balnearios de Galicia.

O acto terá lugar na facultade de Medicina da USC, ás 19:30 horas. Contarase coa presenza da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; o presidente da Real Academia de Medicina de Galicia, Francisco Martelo; o decano da facultade de Medicina da USC, Julián Álvarez; o director da Cátedra, o doutor Juan Gestal; Rosa Meijide, catedrática da Universidade da Coruña; José Luís Legido, catedrático da Universidade de Vigo; ademais de membros da familia do homenaxeado, en cuxo nome intervirá o seu fillo Santiago Carro.

A través desta publicación ponse de manifesto o “papel destacado do doutor José Carro no devir do termalismo galego dos últimos trinta anos. Desde a facultade de Medicina de Santiago, da que era profesor, como desde a Real Academia de Medicina, da que era presidente, participou activamente e contribuíu dunha maneira relevante á divulgación e desenvolvemento da hidroloxía médica en Galicia”.

No libro participan relevantes expertos implicados no termalismo galego como a catedrática da Universidade da Coruña Rosa Meijide. Lembra o interese do profesor José Carro en que os estudantes de Medicina adquirisen coñecementos de hidroloxía médica e organizaba xornadas nos balnearios galegos, aos que viaxaba cos seus alumnos; e como a raíz do seu nomeamento como presidente da Real Academia de Medicina de Galicia levou a cabo unha intensa labor neste eido. Sinala que “con el foise un gran defensor da hidroloxía médica, convencido non só do seu valor sanitario, senón tamén da súa importancia para Galicia”.

O doutor Juan Gestal destaca que o doutor Carro foi “un gran colaborador da Cátedra de Hidroloxía Médica, dedicada a promover a investigación médica, o estudo, a difusión e a divulgación das características das augas medicinais e as súas aplicacións terapéuticas”. Nesta liña, incide en que “con esta publicación queremos renderlle unha homenaxe póstuma de amizade e agradecemento do mundo do termalismo galego”. E salienta que “estaba nun momento de gran produción, con moito traballo por diante por realizar, que non vai ter continuador”.

O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, tamén participa nesta publicación. Indica que “o redescubrimento do termalismo en Galicia debémosllo a personalidades como o doutor José Carro, que traballou con paixón para inculcarnos aos galegos o valor das nosas augas medicinais, as súas propiedades e as súas potencialidades”. Manifesta que “o termalismo é unha das nosas singularidades e fortalezas na industria do turismo”. Neste sentido, lembra que a comunidade galega conta con 21 centros de balneoterapia que ofertan 3.000 prazas de aloxamento, ademais das 10.000 que se benefician no contorno das instalacións termais; dando lugar a un volume de negocio en torno aos 60 millóns de euros e xerando 1.400 empregos directos.

O apoio do doutor José Carro aos balnearios galegos

A doutora Dolores Fernández, directora médica de Caldaria Termal, asegura que “os balnearios galegos sempre gozamos do seu apoio, consciente da importancia que o sector ten no plano socioeconómico, promovendo sesións académicas nos balnearios e a participación de alumnos de Medicina”.

Pola súa parte, o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, manifesta que “poucas persoas coma el foron quen de facer o seu gran labor didáctico a prol do termalismo e a cabalo de dous séculos”. E apunta que “a gran variedade e riqueza das augas mineromedicinais de Galicia constitúe un enorme potencial sanitario, social e turístico. En Galicia as augas están especialmente indicadas para tratamentos respiratorios, dixestivos, cutáneos e do aparato locomotor. Con todo, cómpre desenvolver un intenso traballo formativo coas futuras xeracións de médicos para que poidan prescribilas e que poidan cumprir a súa finalidade preventiva e curativa, tal como fixo o doutor Carro, un dos máis importantes valedores e dilvugadores do termalismo en Galicia e España das últimas décadas”. Así, o doutor Carro dicía que “a balneoterapia é unha forma terapéutica e téndese a que a sanidade pública facilite aos enfermos, que queiran e estando indicada por médicos, que a fagan. Nalgúns países de Europa iso está xa normalizado”.

A publicación recolle diferentes estudos sobre os beneficios das augas mineromedicinais

Na publicación recóllense unha serie de estudos sobre os beneficios das augas mineromedicinais como o seu papel na mellora da sintomatoloxía dos pacientes con artrose, as propiedades físicas das augas, a contribución da balneoterapia ao mantemento da saúde dos deportistas de alta especialización, os principais elementos dos circuítos acuáticos, a arqueoloxía aplicada á hidroloxía médica, os beneficios da medicina termal para os pacientes oncolóxicos, así como a presenza das augas mineromedicinais nos Camiños de Santiago.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , ,