A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia forma aos futuros médicos na balneoterapia, unha alternativa eficaz para abordar doenzas respiratorias, reumatolóxicas, da pel e ata trastornos depresivos

Leva doce anos difundindo o valor da cura termal na prevención e tratamento de enfermidades crónicas

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2022 (Vía Láctea Comunicación).- A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia leva doce anos formando os futuros médicos na cura termal e difundindo entre a sociedade o valor actual das augas mineromedicinais na prevención e tratamento das enfermidades. A Comisión de Seguimiento da Cátedra reuniuse esta mañá para aprobar a memoria de actividades e económica correspondente ao curso 2020-2021 e aprobar o plan de actividades para o presente curso.

Neste encontro online participaron o director da Cátedra, o doutor Juan Gestal; a presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia e directora de Termas de Cuntis, Marisol Espiño; o xerente da Asociación, Benigno Amor; a directora médica de Caldaria Termal, Dolores Fernández; o director médico do Balneario de Augas Santas, Antonio Freire; o director médico do balneario de Tui, Elías Festa; a directora médica do balneario de Mondariz, Laura Gómez; e o director do balneario de Lugo-Termas Romanas, Antonio Garaloces.

Esta semana xa comezou o “Curso de iniciación á balneoterapia”, dirixido aos alumnos dos últimos cursos de Medicina e que se prolongará durante as vindeiras tres semanas. Os futuros facultativos terán a oportunidade de coñecer as principais indicacións terapéuticas das augas mineromedicinais, as posibilidades que ofrecen na prevención de certas doenzas, as diferentes técnicas termais que existen; a eficacia da balneoterapia no tratamento das enfermidades respiratorias, nos trastornos ansiosos e depresivos, na fibromialxia, nas doenzas da pel, nas enfermidades neurolóxicas crónicas e nas enfermidades vasculares crónicas, entre outras. Os participantes terán preferencia á hora de poder asistir ás “Fins de semana nos balnearios”, que se celebrarán nos meses de setembro e outubro en varios centros termais da comunidade, unha serie de xornadas prácticas para achegar ao estudantado as aplicacións da balneoterapia.

No mes de maio, no marco do IV Ciclo da USC, desenvolverase un curso centrado nas “Principais indicacións actuais da balneoterapia”, en particular nas doenzas respiratorias e reumáticas.

Benigno Amor e Juan Gestal
Benigno Amor e Juan Gestal
Novos especialistas sanitarios no ciclo “A saúde é o que importa”

Continuarase ademais co ciclo “A saúde é o que importa”, destinado a afondar no valor terapéutico actual da cura balnearia, coa participación de especialistas sanitarios de recoñecido prestixio, en colaboración coa Fundación Araguaney. A primeira conferencia será en abril e versará sobre a balneoterapia no tratamento da dor crónica, en especial das lumbalxias e da fibromialxia. En maio tratarase a aplicación da cura termal en pediatría e xeriatría.

En xullo terá lugar o Curso de Verán da USC “Oncoloxía Integrativa (VI)” no Talaso Atlántico de Oia. Plantéxase como un foro e lugar de convivencia para compartir coñecementos e experiencias, e tomar conciencia das necesidades asistenciais dos pacientes oncolóxicos. Está dirixido á poboación en xeral, ás persoas afectadas por cancro, aos diferentes profesionais sociosanitarios implicados na atención a estes pacientes; ademais dos universitarios dos Graos en Nutrición Humana e Dietética, Enfermaría, Medicina, Fisioterapia, Terapia Ocupacional, Psicoloxía, Ciencias da Actividade Física e do Deporte e Ciencias Ambientais.

A importancia de que os médicos coñezan o valor terapéutico das augas mineromedicinais que hai en Galicia

Por outro lado, continúase coa distribución do “Vademécum das augas mineromedicinais de Galicia”, editado pola Cátedra, a todos os médicos e MIR en formación de Galicia das especialidades de reumatoloxía, traumatoloxía, pneumoloxía, dermatoloxía, rehabilitación, pediatría e medicina familiar e comunitaria. E está previsto así mesmo a presentación de varias publicacións, unha en homenaxe ao profesor José Carro Otero en colaboración coas tres universidades galegas e outra centrada nos balnearios nos Camiños de Santiago.

A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia vai participar en Termatalia, a Feria Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar, que este ano terá lugar a finais de setembro en Ourense.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , , ,