Balneario de Mondariz

Os futuros médicos coñecen os programas de actuación que os centros termais deseñan para facer fronte á “síndrome pos-Covid”

Creáronse diferentes liñas de intervención mantendo o eixo principal, a cura balnearia a través da auga mineromedicinal e as súas diferentes técnicas de aplicación como bañeiras, auga a presión ou inhalacións, ao que se engade a actividade física e a correcta orientación nutricional

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2021 (Vía Láctea Comunicación).- O Balneario de Mondariz acolle esta fin de semana unhas xornadas para futuros médicos, promovidas pola Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, nas que se abordará o papel dos balnearios na recuperación integral das persoas afectadas pola COVID-19.

A coordinadora das sesións e directora médica do Balneario de Mondariz, Laura Gómez San Miguel, sinala que “nestes meses observouse que, pasada a enfermidade, existe un número de persoas que persisten con síntomas máis de doce semanas e non se explican cun diagnóstico alternativo, o que deu lugar a unha nova enfermidade chamada Síndrome Pos-Covid ou Covid prolongado. Ademais destas persoas que pasaron a infección, gran parte da poboación presenta secuelas debido á pandemia, relacionadas co confinamento, o estrés, a diminución da actividade física, etc”.

Neste contexto, a doutora asegura que “os balnearios, como centros sanitarios especializados na promoción da saúde, axudan a diminuír ou tratar eses síntomas persistentes, así como a recuperar ou mellorar a calidade de vida da poboación xeral que tamén foi afectada pola pandemia. Para iso creáronse diferentes programas de actuación mantendo o eixo principal que é a cura balnearia a través da auga mineromedicinal e as súas diferentes técnicas de aplicación -bañeiras, aplicacións de auga a presión, inhalacións, etc-, así como a recuperación da actividade física, a correcta orientación nutricional, o apoio psicolóxico en caso necesario e o propio ambiente relaxante que rodea ao balneario”.

As xornadas comezan mañá venres 17 pola tarde cunha charla sobre o Balneario de Mondariz e a súa historia. A continuación, os participantes farán un percorrido polas instalacións e realizarán unha sesión práctica no circuíto termo-lúdico “Palacio da Auga”. Na mañá do sábado, a doutora Gómez San Miguel falará sobre a recuperación integral pos-Covid-19 nos balnearios e, de seguido, o recuperador físico do balneario Jonás Rodríguez tratará sobre a importancia da actividade física pospandemia, mentres que e a fisioterapeuta do centro Miriam Gómez explicará o papel do profesionais da fisioterapia. Ao final da mañá os participantes -estudantes universitarios do último curso de Medicina- terán unha sesión práctica para coñecer as distintas aplicacións terapéuticas.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , , , , ,