Balneario de Arnoia

A hidroloxía médica pode axudar na recuperación das doenzas dermatolóxicas derivadas da COVID-19, tanto as orixinadas polo confinamento como as que son consecuencia directa do virus

As recomendacións dos expertos baséanse na eficacia demostrada das augas mineromedicinais nos procesos eccematosos, o prurito e a psoríase, entre outros

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2021 (Vía Láctea Comunicación).- O Balneario de Arnoia acolle esta fin de semana unhas xornadas para futuros médicos, promovidas pola Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, nas que se abordará a contribución da balneoterapia como tratamento coadxuvante das lesións cutáneas derivadas da COVID-19.

As sesións serán impartidas a tarde do venres e a mañá do sábado pola doutora Dolores Fernández Marcos, directora médica de Caldaria Termal, que aglutina os balnearios ourensáns de Arnoia, Laias (Cenlle) e Lobios. No encontro revisaranse os principais mecanismos de acción das augas mineiro medicinais e as indicacións específicas para os procesos dermatolóxicos.

Segundo explica a doutora Fernández Marcos, “a pel é un órgano que evidencia en moitas ocasións procesos patolóxicos internos que non teñen a súa orixe na pel, pero si as súas manifestacións, e outras veces a pel manifesta desordes funcionais dende intolerancias alimentarias ata situacións de tensións ou ansiedade”.

En relación co último ano e medio de situación pandémica, asegura que “producíronse manifestacións dérmicas derivadas do confinamento e outras que son consecuencia directa da enfermidade SARS – Covid 19, que están en fase de estudo por parte dos especialistas”. A este respecto destaca que “a cura balnearia ten eficacia demostrada nos procesos eccematosos, prurito e psoríase, e pode ser unha indicación para todas aquelas persoas que padezan algunha destas enfermidades”.

O principal obxectivo do seminario é a formación aos futuros profesionais neste tipo de tratamento, as augas mineiro medicinais máis axeitadas, a cronobioterapia e as técnicas máis idóneas, así como os principais balnearios especializados nestes procesos. O programa comezará coa presentación da hidroloxía médica es os seus retos actuais, ao que seguirá unha sesión práctica para, ao día seguinte, afondar nos beneficios da balneoterapia na dermatoloxía, os mecanismos de acción e as técnicas.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , , , , , ,