Juan Gestal, Rosa Meijide e Francisco Maraver

A catedrática de Hidroloxía Médica da UDC Rosa Meijide avoga pola colaboración dos balnearios co sistema sanitario público para a recuperación das secuelas da COVID-19

“Cómpre potenciar a dimensión terapéutica e preventiva dos centros termais, achegando máis profesionais especializados, infraestruturas e medios diagnósticos”

A experta académica participou na xornada sobre balneoterapia celebrada hoxe no II Congreso Internacional sobre Agua e Saúde, en Termatalia (Expourense)

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2021 (Vía Láctea Comunicación).- A catedrática de Hidroloxía Médica da Universidade da Coruña Rosa Meijide participou esta mañá na xornada do “II Congreso Internacional sobre Auga e Saúde” de Termatalia, promovida pola Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia.

Na súa intervención sobre o papel do balneario na recuperación das secuelas respiratorias da COVID-19, defendeu a dimensión médica destes centros e a súa ampla tradición na atención ás patoloxías respiratorias como a bronquite crónica ou a asma, así como de tipo otorrinolaringolóxico, como a rinite, a sinusite e a prevención das perdas de audición na otite infantil, entre outras enfermidades.

Se ben indicou que o peche temporal dos balnearios na pandemia impediu contrastar a efectividade das augas termais nas doenzas persistentes da COVID-19, subliñou que “a comunidade médica europea está a recomendar os balnearios como un entorno extrahospitalario moi axeitado para a rehabilitación e recuperación das secuelas pulmonares e non só iso, senón de todas as derivadas do virus causante, o SARS-CoV-2”. A este respecto, explicou que “as guías da práctica clínica recomendan a abordaxe integral das manifestacións persistentes da COVID-19, apoiándose de equipos médicos interdisciplinarios que poidan atender ás persoas na súa integridade, tanto nas doenzas físicas como psíquicas”.

Neste contexto, avogou por “potenciar o enfoque médico e clínico dos balnearios de Galicia, potenciando a súa dimensión terapéutica e preventiva máis aló da súa función turística, achegando máis profesionais especializados, infraestruturas e medios diagnósticos, e promovendo a colaboración e coordinación coa atención sanitaria pública, concertando servizos e elaborando protocolos de derivación dos pacientes, máis aínda tendo en conta a alta presión asistencial que a pandemia exerce na atención primaria e hospitalaria”.

Os balnearios, lugares para a recuperación física e psicolóxica

Pola súa parte, o doutor Gestal, director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC- Balnearios de Galicia e profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago, coincide coa doutora Meijide ao asegurar que “a cura balnearia pode axudar á capacidade natural de recuperación do organismo, máxime para restablecerse de moitos dos problemas de saúde sufridos pola COVID-19 como as secuelas respiratorias, fatiga crónica, dificultades motoras e musculares, alteracións cutáneas, perda de concentración… ata trastornos psicolóxicos derivados da enfermidade ou do estrés ocasionado pola mesma”. En relación aos problemas de carácter psicolóxico, o doutor sinala que “levamos un longo período de pandemia, 20 meses que están a ocasionar entre a poboación efectos como a fatiga pandémica, cansazo, astenia…”.

A cura balnearia pode axudar á capacidade natural de recuperación do organismo, máxime para restablecerse de moitos dos problemas de saúde sufridos pola COVID-19

Engade que os balnearios “son lugares seguros xa que, ao tratarse de centros sanitarios, seguen uns estritos protocolos fronte á COVID-19” e tamén poden xogar un papel relevante “na recuperación dos hábitos saudables tras as restricións da pandemia, en particular a alimentación saudable e a realización de exercicio físico”.

A importancia da alimentación e do exercicio físico tras a pandemia

A xornada de hoxe reuniu un nutrido grupo de expertos médicos. Logo da conferencia inaugural do doutor Maraver sobre os tratamentos das secuelas pos-COVID nos balnearios europeos tivo lugar unha mesa redonda sobre os balnearios na recuperación de hábitos saudables tras a COVID-19, na que interviñeron a doutora Laura Gómez, directora médica do balneario de Mondariz, que falou sobre a alimentación saudable; e Ricardo Angueira, licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, sobre turismo termal e marcha nórdica.

Na seguinte mesa redonda abordouse a rehabilitación no balneario das secuelas respiratorias dos pacientes tras a COVID-19, coa participación do doutor Elías Festa, director médico do balneario de Caldelas de Tui; a doutora Coral González, da Unidade Multidisciplinar pos-COVID do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUOU); e Rosa Meijide, catedrática de Hidroloxía Médica da Universidade da Coruña. A continuación tratouse a rehabilitación no balneario dos trastornos músculo-esqueléticos, coa intervención da doutora Dolores Fernández, directora médica de Caldaria Termal; o doutor Xoan Miguéns, xefe de Rehabilitación do CHUO; e Kamil Brzezinski, fisioterapeuta do balneario de Laias.

No transcurso da xornada Fernando Fraile, director do Instituto de Calidade Turística de España (ICTE), presentou a Norma ISO/PAS 5643, na que se recollen os requisitos e directrices para a redución do risco de transmisión da COVID-19 na empresa turística. A conferencia de clausura foi impartida polo doutor Luis Ovejero, director médico do balneario de Archena (Murcia), que relatou a experiencia deste balneario na recuperación física e psíquica tras a COVID-19.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , , , ,