Doutor Gestal

A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia celebra en Termatalia unha xornada sobre a balneoterapia na recuperación da saúde trala COVID-19

É unha alternativa eficaz para tratar as secuelas respiratorias, fatiga crónica, dificultades motoras, alteracións na pel e ata os trastornos psicolóxicos derivados da enfermidade

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2021 (Vía Láctea Comunicación).- A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia promove a primeira xornada do “II Congreso Internacional sobre Auga e Saúde” de Termatalia, que terá lugar o vindeiro mércores 15 de setembro en Expourense. Centrarase no papel dos balnearios na recuperación da saúde trala pandemia.

Nesta xornada intervirán recoñecidos expertos en hidroloxía médica, que abordarán os tratamentos das secuelas pos-COVID nos balnearios, o valor dos centros termais na recuperación de hábitos saudables tras pasar a enfermidade, a rehabilitación das secuelas respiratorias, a rehabilitación dos trastornos músculo-esqueléticos e, en xeral, a recuperación física e psíquica tras a COVID. Ademais, explicaranse os protocolos que se están a seguir para a redución do risco de transmisión da COVID-19 nas empresas turísticas, en particular nos centros termais.

O doutor destaca a importancia de recuperar os hábitos saudables tras as restricións da pandemia, como a alimentación e a realización de exercicio

O director da Cátedra, o doutor Juan Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago, salienta que “a pandemia deixou con secuelas a moitas persoas que pasaron a enfermidade”. Nesta liña, manifesta que “a cura balnearia pode axudar á capacidade natural de recuperación do organismo, máxime para restablecerse de moitos dos problemas de saúde sufridos durante a pandemia, como é o caso das secuelas respiratorias, fatiga crónica, dificultades motoras e musculares, alteracións cutáneas, perda de concentración… ata trastornos psicolóxicos derivados da enfermidade ou do estrés ocasionado pola mesma”. En relación aos problemas de carácter psicolóxico, o doutor sinala que “levamos un longo período de pandemia, 20 meses que están a ocasionar entre a poboación efectos como a fatiga pandémica, cansazo, astenia…”.

O doutor Gestal indica que os balnearios teñen unha grande experiencia no tratamento de patoloxías que afectan de xeito particular ao aparato locomotor, respiratorio e á pel; polo que van poder ser moi útiles para aquelas persoas que teñan pasado a COVID e quedaran con secuelas. “Son lugares idóneos para a recuperación e, ademais, son lugares seguros xa que, ao tratarse de centros sanitarios, seguen uns estritos protocolos fronte á COVID-19” -afirma-. O doutor destaca así mesmo a importancia de recuperar os hábitos saudables tras as restricións da pandemia, en particular a alimentación saudable e a realización de exercicio físico.

A xornada reunirá a un nutrido grupo de expertos médicos

A conferencia inaugural ofreceraa Francisco Maraver, profesor de Hidroloxía Médica da Universidade Complutense de Madrid, que informará sobre os tratamentos das secuelas pos-COVID nos balnearios europeos. Logo haberá unha mesa redonda sobre os balnearios na recuperación de hábitos saudables tras a COVID-19, na que intervirán a doutora Laura Gómez, directora médica do balneario de Mondariz, que falará sobre a alimentación saudable; e Ricardo Angueira, licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, sobre turismo termal e marcha nórdica.

Na seguinte mesa redonda abordarase a rehabilitación no balneario das secuelas respiratorias dos pacientes tras a COVID-19, coa participación do doutor Elías Festa, director médico do balneario de Caldelas de Tui; a doutora Coral González, da Unidade Multidisciplinar pos-COVID do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUOU); e Rosa Meijide, catedrática de Hidroloxía Médica da Universidade da Coruña. A continuación tratarase a rehabilitación no balneario dos trastornos músculo-esqueléticos, coa intervención da doutora Dolores Fernández, directora médica de Caldaria Termal; o doutor Xoan Miguéns, xefe de Rehabilitación do CHUO; e Kamil Brzezinski, fisioterapeuta do balneario de Laias.

No transcurso da xornada Fernando Fraile, director do Instituto de Calidade Turística de España (ICTE), presentará a Norma ISO/PAS 5643, na que se recollen os requisitos e directrices para a redución do risco de transmisión da COVID-19 na empresa turística.

A conferencia de clausura será impartida polo doutor Luís Ovejero, director médico do balneario de Archena (Murcia). Relatará a experiencia deste balneario na recuperación física e psíquica tras a COVID-19.

Categorías: Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia, Notas de prensa | Etiquetas: , , ,