Os balnearios galegos e Turismo de Galicia lanzan o programa “Verán Termal” para promocionar o sector

Participan 12 centros termais da comunidade, que ofrecen un total de 792 prazas, a prezos que van desde os 335 € dez días

O vindeiro luns, 19 de xullo, ábrese o prazo para reservar praza neste programa, que se prolongará ata finais de setembro

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2021 (Vía Láctea Comunicación).- A Axencia Turismo de Galicia e a Asociación de Balnearios de Galicia veñen de asinar un convenio de colaboración para a promoción do turismo termal na nosa comunidade, a través do programa de estadías en balnearios galegos “Verán Termal”. O programa presentouse esta mañá en Termas de Cuntis, coa presenza da directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro; a presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, Marisol Espiño; o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, que preside a sección termal da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP); o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; e o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor.

O turismo termal foi un dos máis afectados polas restricións derivadas da pandemia. Ante esta situación, a Xunta de Galicia quere apoiar o sector para consolidar unha oferta turística de calidade, como un referente da imaxe de Galicia a nivel global e cun gran valor estratéxico na economía galega. Nesta liña, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que “a oferta turística termal que confírelle a Galicia un valor diferencial, de calidade e de exclusividade fundamental”. Indicou que “desde o Goberno galego somos conscientes do gran poder tractor do termalismo para o desenvolvemento económico dos nosos territorios, especialmente grazas ao seu gran impacto desestacionalizador, por iso seguiremos a traballar da man do sector en novas medidas coma estas que permitan seguir avanzando na mellora da competitividade turística do noso destino”.

En relación á reactivación da actividade do sector termal, a presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, Marisol Espiño, puxo de manifesto que “en Galicia podemos presumir de ser o destino termal líder en España, con 21 balnearios. Volvemos traballar e facémolo cumprindo todas as medidas de seguridade para procurar seguridade e saúde aos nosos clientes”.

Vive un verán termal
Imaxe da campaña
O programa vaise desenvolver en 12 balnearios galegos

O programa “Verán Termal” vaise desenvolver en 12 balnearios galegos: na provincia da Coruña participa o balneario de Carballo; na de Lugo, Termas Romanas de Lugo, Augas Santas (Pantón) e Río Pambre (Palas de Rei); en Ourense, os de Arnoia, Laias, Gran Balneario do Carballiño (con aloxamento no Hotel Derby ou no Hotel Lorenzo) e Caldas de Partovia (no Carballiño, con aloxamento no Hotel O Xardín); e da provincia de Pontevedra os balnearios Acuña (Caldas de Reis), Caldelas de Tui, Mondariz e Termas de Cuntis.

Os usuarios poderán beneficiarse dun programa terapéutico baixo prescrición médica

O programa abrangue ata o 30 de setembro. Inclúe aloxamento en réxime de pensión completa en habitación dobre de uso compartido, en estadías de 10 días e 9 noites. Os usuarios poderán beneficiarse ademais dun programa terapéutico baixo prescrición médica (logo dunha consulta previa co médico do balneario), con tres técnicas diarias. As tarifas van dos 470 € por persoa en hoteis de tres e catro estrelas, 440 € en hoteis de dúas estrelas, ata os 355 € en hoteis dunha estrela. Esta oferta destínase ao público en xeral, sen limitación por razóns de idade nin de procedencia.

O número total de prazas do programa ascende a 792, 66 para cada un dos centros termais participantes no mesmo. A venda realizarase directamente en cada balneario ata o esgotamento das prazas. O vindeiro luns, 19 de xullo, ábrese o prazo de reserva para desfrutar deste programa.

A través de “Verán Termal”, ao tempo que se promociona o turismo termal, promocionarase a oferta de actividades na contorna próxima a cada aloxamento, potenciando o produto local ou de proximidade. A finalidade é que os usuarios dos balnearios aproveiten tamén para desfrutar das comarcas nas que se asenta o establecemento termal.

Categorías: Notas de prensa | Etiquetas: , ,